Deputación de Lugo

As rutas de Km0 desta semana dinamizan o sector hostaleiro, adegueiro, alimentario e artesán de Ribadeo, Cervo, Sober e Navia

Cinco restaurantes, unha adega, unha fábrica de embutidos e un obradoiro de olería veranse beneficiados polo programa, no que participarán 300 lucenses entre hoxe e o xoves A Deputada de Medio Ambiente recibiu este martes a 55 integrantes da Asociación Cultural San Martiño de Mariz, en Chantada, e a outros 55 membros do colectivo de mulleres Amencer de Bóveda, que redescubriron os Concellos ribadense e cervense

As rutas do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo dinamizarán esta semana a actividade hostaleira, adegueira, alimentaria e artesá dos Concellos de Ribadeo, Cervo, Sober e Navia, pois os 300 participantes nos seis itinerarios organizados entre este martes e o xoves coñecerán o patrimonio paisaxístico e monumental destas localidades, pero tamén visitarán diversos establecementos. En concreto, cinco restaurantes, unha adega, unha fábrica de embutidos e un obradoiro de olería veranse beneficiados polos percorridos organizados polo organismo provincial, do que gozarán veciños de Chantada, Bóveda, Burela, Sober, Vilalba e Lugo.

A programación arrancou hoxe con dúas rutas pola Mariña, que realizaron un grupo de 55 integrantes da Asociación Cultural San Martiño de Mariz, de Chantada, e outros 55 membros do colectivo de mulleres rurais Amencer de Bóveda. Ámbolos dous grupos foron recibidos pola Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Os chantadinos coñeceron despois a olería de Bonxe para viaxar logo a Ribadeo, onde comeron no restaurante O Cabazo, fixeron unha travesía en barco pola ría, subiron no ascensor panorámico do peirao de Porcillán e deron un paseo polo casco histórico da vila, que incluíu unha parada no Convento das Clarisas. Polo que respecta ó colectivo de mulleres rurais de Bóveda visitaron a fábrica de cerámica e Casa da Administración de Sargadelos, o Paseo dos Namorados e o casco histórico de San Cibrao. A comida tivo lugar no restaurante cervense O Castelo.

Mañá, 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa de Burela e outras 48 persoas pertencentes á Asociación Micolóxica O Pingadoiro de Sober redescubrirán grazas ó Km0 a Ribeira Sacra e A Montaña, respectivamente. O primeiro grupo desprazarase ó mazo de Santa Comba e logo viaxará a Sober, onde gozará dunha degustación na Adega Algueira e comerá no restaurante do mesmo nome. O itinerario rematará cun paseo en catamarán por Amandi. En canto ó percorrido do segundo colectivo, arrancará cun paseo pola zona dos Robles, en Lugo, e continuará cunha comida no restaurante Xegunde de Navia de Suarna, e cunha visita á área recreativa, ó castelo e á ponte da vila; ó establecemento de embutidos Suarna e á central hidroeléctrica.

A programación da semana concluirá o xoves con dúas rutas por Ribadeo e Sober, que realizarán, respectivamente, 48 membros da Asociación RC Nausti de Noche, de Vilalba, e 48 alumnos da Escola Oficial de Idiomas de Lugo. A agrupación vilalbesa coñecerá as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e, xa en Ribadeo, comerá no restaurante La Cofradía de Rinlo e pasearán polo entorno de Illa Pancha, o forte de San Damián e O Cargadoiro, ademais de polo casco histórico ribadense. Os estudantes de Lugo, pola súa banda, visitarán a olería de Bonxe, comerán no restaurante soberino La Cantina e gozarán dunha travesía en catamarán.

Inscrición rápida e sinxela

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.