Deputación de Lugo

Escolares de Baleira, A Fonsagrada, Becerreá e Sarria descobren a riqueza de Terras do Miño grazas á Deputación

Imaxe deputación de lugo
Os nenos, de 7 a 10 anos, coñeceron Fonmiñá, a lagoa de Cospeito, Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño, en Lugo, facendo unha xincanaA Deputada de Medio Ambiente entregou ós pequenos exploradores un diploma que acredita os seus novos coñecementos sobre a Reserva e como coidar o entorno

70 escolares de Baleira, A Fonsagrada, Becerreá e Sarria descubriron este sábado os recursos medioambientais, etnográficos e culturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño grazas á Deputación. A intensa e amena xornada didáctica é a segunda da catro incluídas no programa Exploradores de Terras do Miño, organizado polo organismo provincial con motivo do 10º aniversario do recoñecemento outorgado a este espazo natural pola UNESCO co obxectivo de concienciar ós máis novos da súa xestión sostible e posta en valor como un dos principais valores da provincia.

Os nenos, de idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos, coñeceron o nacemento do río Miño en Meira, a lagoa de Cospeito, Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, tanto a fauna e a flora destes espazos, como a importancia da auga neles (fontes, cascadas...); ademais dos recursos etnográficos (muíños, batáns...) e incluso lendas típicas da zona. Tamén se lles deron nocións de como coidar o medio ambiente e conservar o ecosistema.

Para elo, realizaron diversos xogos e actividades, tipo xincana, como encontrar coa axuda dunha brúxula, a través de diversas pistas e da man dos monitores, obxectos escondidos, como cámaras de fotos ou prismáticos, cos que tomaron imaxes e coñeceron os recursos da Reserva Terras do Miño. Cada un dos rapaces elaborou un caderno coas actividades e as fotos que fixo nas rutas. As imaxes tamén se colgarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org

A xornada concluíu no Centro de Interpretación Terras do Miño cunha merenda e unha entrega de diplomas que acreditan os novos coñecementos dos pequenos exploradores sobre a Reserva e o coidado do entorno. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, foi a encargada de entregarlles os títulos, un momento que os nenos tiveron a oportunidade de compartir cos seus pais e familiares. Os rapaces pertencían ós CEIP Concepción López Rei do Cádavo; Santa María da Fonsagrada; San Xoán de Becerreá e Frei Luis de Granada de Sarria.

O programa Exploradores de Terras do Miño continuará, coa mesma estrutura ca xornada de hoxe, os dous seguintes sábados de maio: o 19 para os escolares da Chaira e Lugo, e o 26, para os da Mariña.

Os pais poden participar

Os nenos participantes, que estan acompañados en todo momento por monitores, serán recollidos por un autobús entre as 8:30 e as 8:45 horas, a media mañá tomarán un refrixerio e posteriormente comerán nun restaurante da zona que visiten. Ás 17:00 horas entregaráselles unha diploma e merendarán no Centro de Interpretación Terras do Miño de Lugo, en tódalas viaxes, excepto na do 26 de maio, cando este acto terá lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo. Os pais están convidados a compartir cos seus nenos a merenda e a entrega de diplomas, e, se o prefiren, pódenos levar eles mesmos desde este lugar de volta á casa. O autobús levará ó resto dos rapaces ós puntos de partida, xa de regreso, onde estarán sobre as 19:30 horas.

Polo 10º aniversario de Terras do Miño

A Deputación continua co programa Exploradores de Terras do Miño a súa axenda de actos conmemorativos do 10º aniversario da Reserva, da que formou parte tamén a terceira Gala Lvcvs Moda e varias conferencias, obradoiros e exposicións, xa celebrados, que xiraron en torno á riqueza deste entorno natural. As rutas didácticas foron incluídas á súa vez no convenio que o organismo provincial ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das que é máxima responsable a institución provincial.