Deputación de Lugo

Preto de 280 lucenses participarán esta semana en rutas pola Zona Sur, A Mariña e A Montaña dentro do programa Km0

Un grupo de persoas anotadas de maneira individual, o Concello de Begonte e asociacións de Lugo, Foz, Cospeito e Monforte demandaron os itinerarios, contribuíndo a dinamizar a actividade dos pequenos negocios, sobre todo do ramo da hostalería A Vicepresidenta Segunda recibiu hoxe a 16 veciños da provincia inscritos de xeito particular e a 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa Avantar de Lugo, que viaxaron ó Incio e Xove, respectivamente

Preto de 280 veciños da provincia participarán nas seis rutas organizadas dentro do programa medioambiental Km0 da Deputación para esta semana, contribuíndo deste xeito a dinamizar a actividade dos pequenos negocios, sobre todo do ramo da hostalería, pero tamén do comercial. Un grupo de persoas anotadas de maneira individual, o Concello de Begonte e asociacións de Lugo, Foz, Cospeito e Monforte demandaron os itinerarios, que terán como destino as comarcas da Zona Sur, A Mariña e A Montaña.

A programación desta semana arrancou este martes con dúas rutas polo Incio e Xove, das que gozaron un grupo de 16 persoas anotadas na iniciativa a nivel particular e outro de 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa Avantar de Lugo, respectivamente. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu a ámbolos dous colectivos no Salón de Actos de San Marcos. Tras este encontro, o primeiro grupo visitou o mazo de Santa Comba e, xa no Incio, percorreu a ruta do Ferro. A comida tivo lugar na Casa de Turismo Rural A Cabaza. Pola súa banda, a asociación de amas de casa Avantar, logo de estar no Pazo provincial, desprazouse ó centro de interpretación Terras do Miño, no Paseo do Rato, comeu no restaurante vivariense Louzao e paseou polas praias de Area, Muiñelo e Portonovo, fixo a pé o percorrido entre Vilachá e Punta Roncadoira, e coñeceu o peirao de Portocelo e os acantilados do cabo de Morás.

Mañá mércores haberá dúas rutas: unha por Ribadeo, solicitada polo Concello de Begonte, e outra por Pedrafita do Cebreiro, que demandou a Asociación de Veciños de San Julián de Cordido, de Foz. Deste xeito, 55 begontinos visitarán a olería de Bonxe e logo desprazaranse á vila ribadense para comer no restaurante Voar, facer unha travesía en lancha pola ría e pasear polo casco histórico, cunha parada no Convento das Clarisas. Pola outra banda, 55 focenses coñecerán as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, comerán no restaurante San Girald de Aullirac, farán un treito do Camiño de Santiago ó seu paso por Pedrafita e visitarán a igrexa de Santa María la Real, unha palloza e o monte da Cruz.

O programa conclúe o xoves cunha ruta en catamarán por Amandi e outra por Illa Pancha, en Ribadeo. No primeiro caso, foi solicitada pola Asociación de Veciños de Xustás, en Cospeito. 48 integrantes do colectivo visitarán o CENTRAD, gozarán dunha degustación na adega Algueira de Sober e dunha comida no restaurante do mesmo nome e seguidamente, dunha travesía en catamarán pola zona de Amandi. Por outro lado, 48 membros da Asociación de Veciños A Xuntanza de Monforte desprazaranse ás instalacións da Fundación TIC e, xa en Ribadeo, comerán no restaurante O Cabazo, e visitarán Illa Pancha, o forte de San Damián, O Cargadoiro e o casco histórico.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.