Deputación de Lugo

A Deputación insta ós Gobernos do PP a facilitar os avais necesarios para Tablicia "ó igual que fan cos bancos"

Faino cunha declaración institucional aprobada hoxe pola Xunta de Goberno e coa que Besteiro cumpre coa palabra dada ós representantes dos traballadores da factoría de Nadela hai tan só 3 díasSe Xunta e Executivos Central -administracións con competencias na materia- non asumen o plan de viabilidade, Tablicia terá que acudir a unha consultora externa, acumulando perdas de 1 millón de euros e poñendo en perigo 1.600 empregos directos e indirectosA sesión acorda achegar 483.000 euros para que as máquinas do Parque Móbil continúen outros 2 anos arranxando vías municipais e aforrando custes ás entidades locais logo de que o organismo provincial incrementase o seu investimento en cooperaración cos Concellos “debido ós recortes do PP”

O Goberno Provincial aprobou este venres na Xunta de Goberno unha declaración institucional na que insta ós Executivos galego e central a facilitar “coa maior celeridade” os avais necesarios para salvar Tablicia. Trátanse de 3,6 millóns de euros “que deberían aportar ditas administracións” ó ter as competencias na materia para a posta en marcha do plan de viabilidade que esixen as entidades financeiras e que garantiría o mantemento da actividade industrial e dos 1.600 empregos directos e directos que xera a factoría de Nadela. A Deputación cumpre deste xeito coa palabra que Gómez Besteiro deu ós representantes dos traballadores de Tablicia hai tan só tres días nunha reunión no Pazo de San Marcos.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, preguntouse como “o PP pode ter cartos para os bancos, máis de 23.500 millóns de euros só para Bankia, para aprobar unha Amnistía Fiscal que recorta ata o 10% os impostos que aboan os grandes defraudores fronte a un mínimo do 23% que pagamos os demais, ou para organizar exposicións no Gaiás que nos custan ó día 8.000 euros, e non os posúe para Tablicia”. Pola súa banda, o voceiro provincial do BNG, Mario Outeiro, destacou que “para Bankia hai 4 billóns das antigas pesetas, é dicir, cada cidadán vamos a pagar 500 euros. Tablicia necesita liquidez puntual, unha solución urxente ó igual que o PP se lle deu a este banco”.

Esta “rápida e segura” solución pasaría por que a Xunta e o Goberno Central asumise o plan de viabilidade. De non facelo, Tablicia debería acudir a unha consultora externa, prolongando un mínimo de 2 meses, debido ós trámites administrativos que isto supón, o paro de actividade da factoría. O resultado sería a acumulación de perdas por valor de 1 millón de euros. Hai que ter en conta que, segundo os representantes de Tablicia, a ausencia de traballo conleva que non xeren 500.000 euros ó mes.

Afectados

A factoría de Nadela arrastra poblemas económicos dende hai varios meses. Por este motivo, iniciou un Expediente de Regulación de Emprego –ERE- que afecta a 137 traballadores. Pero o número de afectados é moito máis elevado xa que, ó non comprar madeira, non só non ten liquidez para as nóminas dos seus empregados, senón que tampouco ten cartos para pagar ós seus proveedores ou ós autónomos que, a cotío, lle realizaban os portes. Por exemplo, os centos de transportistas que distribuían taboleiros, que xa acumulan impagos e que se viron na obriga de buscar novas cargas. En definitiva, 1.600 empregos directos e indirectos están en perigo.

Volume de negocio á metade

Durante 2006, Tablicia exportou 85.000 metros cúbicos de madeira a toda Latina América, Grecia e Inglaterra e o volume de negocio situouse nos 45 millóns de euros ó ano. No 2011 e debido ós efectos da crise, as exportacións da factoría caeron ata os 40.000 metros cúbicos e os ingresos ata os 23 millóns de euros anuais, é dicir, case un 50%. A situación empeorou nos últimos meses e aínda máis dende hai 3 semanas, data na que se parou a actividade, incrementándose as perdas. Estas sitúanse entre os 400.000 e 500.000 euros ó mes segundo os representantes da fábrica.

Base produtiva

Tablicia é hoxe unha das empresas máis importantes do tecido industrial e empresarial lucense, de tal xeito que garantir a súa viabilidade supón, ademais, un pulo para o sector forestal que, xunto co agrogandeiro, son a principal base produtiva da provincia. En 1977 iniciou en Nadela a súa andaina profesional coa fabricación de taboleiros aglomerados. Dende 1991 participa en sociedades industriais relacionadas con produtos químicos, sendo sete anos máis tarde, en 1998, cando pon en marcha unha instalación de coxeneración de enerxía eléctrica, empregando gas natural como combustible. En 2004 créase a filial do Grupo Tablicia, Intergypsum, coa finalidade de producir e comercializar paneis de fibra e xeso. Tablicia Renovables S.L é a empresa máis nova do grupo. Adícase á produción de enerxía eólica.

Máis investimento en cooperación cos Concellos

Logo da incorporación de remanentes por valor de 5,3 millóns de euros ó Orzamento da Deputación para 2012 co obxectivo de incrementar este ano o investimento en benestar social e na cooperación cos Concellos “ante os recortes dos Gobernos do PP”, a Xunta de Goberno acordou hoxe investir 483.000 euros –repartidos en 2 anualidades- no arranxo de vías de caracter estritamente municipal. Esta cantidade empregase na compra de combustible e materiais para que as máquinas do Parque Móbil continúen outros 2 anos a súa actividade nos municipios. Nos últimos meses, acondicionaron un total de 80 quilómetros de vías do Páramo, O Corgo, Sober e O Incio. Segundo os prezos do mercado, estas obras conlevarían ós Concellos un desembolso mínimo de 1 millón de euros. Martínez destacou que “amortizamos en moi pouco tempo os investimentos realizados no Parque Móbil, un departamento que reorientamos dende que chegamos á Deputación, poñendo ó servizo dos Concellos. Co PP as máquinas nin saían do garaxe e ata as empregaban empresas privadas. Hoxe, traballan en vías locais, ofrecendo unha prestación exemplar”.

Tamén dentro da aposta pola cooperación cos Concellos, a sesión aprobou a reedición do programa Lugoteando no 2012 e 2013, achegando para elo 52.390 euros, cofinanciados nun 70% pola Unión Europea co Lug02. O voceiro socialista explicou que “este ano e o que vén tanto municipios da Mariña, como do interior lugués ou a propia capital contarán con actividades acuáticas e deportivas durante a tempada estival co fin de xerar riqueza na provincia mediante ecoturimo”.