Deputación de Lugo

A Fundación TIC colabora coa Asociación Mariña Jazz na difusión deste estilo musical e a súa aprendizaxe

O patrono da Fundación TIC, José Ramón Val, e o presidente de AMAJAZZ, Jesús Arranz González, asinaron un convenio segundo o que bolseiros da TIC levarán a cabo a gravación do V Seminario de Jazz e Música Moderna que organiza o colectivo en BurelaA TIC incrementou este ano en máis dun 400% os acordos con diferentes asociacións sen ánimo de lucro da provincia en apoio da súa actividade e co obxectivo de facilitar a inserción laboral dos estudantes e titulados da EIS

O Deputado de Economía do Coñecemento e patrono da Fundación TIC, José Ramón Val Alonso, e o presidente da Asociación Mariña Jazz, AMAJAZZ, asinaron un convenio de colaboración para promocionar a música de jazz e a súa aprendizaxe, a través do labor educativo e de divulgación que este colectivo cultural está a levar a cabo na Mariña. Bolseiros da TIC levarán a cabo a gravación do V Seminario de Jazz e Música Moderna, que terá lugar a vindeira semana, en Burela, así como a realización de traballos audiovisuais de divulgación doutras actividades que organice o colectivo como jam sessions, master class, e concertos. O acordo permite cos estudantes e titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo complementen a súa formación práctica e tomen contacto co mundo laboral

A Asociación Mariña Jazz, AMAJAZZ, naceu a principios deste ano co obxectivo de dar continuidade ó Seminario de Jazz e Música Moderna que se vén celebrando na localidade mariñá dende o ano 2008, e que o ano pasado estivo a piques de desaparecer. Para evitalo, os pais e alumnos maiores de idade que participaron en edicións anteriores decidiron xuntarse para organizar o evento e outras actividades relacionadas co jazz.

A promoción cultural da TIC

A Fundación TIC ten asinados 110 convenios con asociacións sen ánimo de lucro da provincia e mantén contrato con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas do sector audiovisual, para que complementen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual.

Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONGs e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade, e entidades deportivas que fomentan o deporte base, así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. Este ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lucenses.