Deputación de Lugo

A Deputación cubriu nun mes o 50% das prazas do Km0 Balnearios do Camiño, co que impulsa a economía medioambiental

Besteiro subliñou que estes bos resultados, dos que deu conta no balneario de Guitiriz, constatan que a riqueza termal e o patrimonio vinculado coas rutas xacobeas “son unha alternativa máis para reactivar a economía da provincia”O complexo que rexistrou máis solicitudes foi o Balneario Augas Santas de Pantón, seguido dos de Guitiriz, Lugo Termas Romanas e Río Pambre de PalasO Presidente, acompañado de Regina Polín, supervisou a mellora na condución de augas pluviais do núcleo de Becín e a rehabilitación do muíño da Ruxida, obras que financiou o organismo provincial, aforrando cartos ó Concello

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Deputada da Terra Chá, Regina Polín, deu conta este luns en Guitiriz da boa acollida que está tendo a segunda edición do programa Km0 Balnearios do Camiño, impulsado polo organismo lugués co fin de potenciar a economía medioambiental e o turismo no Camiño de Santiago aproveitando a riqueza termal da provincia. Deste xeito, Besteiro explicou no balneario guitiricense -un dos que participa no programa- que nun mes, dende a apertura do prazo de inscrición, cubríronse a metade das prazas dispoñibles. En concreto, das 1.400 prazas ofertadas para obter descontos nos establecementos termais, están reservadas xa 608.

O complexo que rexistrou máis solicitudes foi o Balneario Augas Santas de Pantón, cun total 278 prazas, é dicir, o 37% das dispoñibles neste establecemento; seguido do de Guitiriz, con 212 prazas (o 88% das ofertadas nestas instalacións). A demanda rexistrada para o Balneario Termas Romanas de Lugo foi de 100 prazas (o 59%), mentres que para o Balneario Río Pambre de Palas foi de 26 prazas (o 11%). O perfil maioritario dos inscritos é unha muller de entre 50 e 60 anos de idade, que viaxa acompañada do marido ou amigas.

Gómez Besteiro subliñou que os bos resultados do programa constatan que a riqueza termal e o patrimonio vinculado ás rutas xacobeas, sendo a provincia que máis quilómetros ten, con 800, son unha “alternativa sólida para reactivar a economía lucense e desestacionalizar o turismo”. Neste senso, o Presidente indicou que os balnearios atópanse nesta época de verán en tempada baixa, de xeito que a iniciativa da Deputación axúdalles a recuperar o nivel de visitantes. O programa, engadiu, “ofrece unha nova fórmula para modernizar e mellorar a calidade de vida do medio rural, crear e manter empregos e, en consecuencia, fixar poboación no rural”.

Ata o 31 de decembro

O Km0 Balnearios no Camiño está dirixido ós maiores de 50 anos, que poderán aproveitar descontos entre o 1 de xuño e o 31 de decembro nos seguintes paquetes:

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
10 técnicas de balneario
1 recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves: programa de animación sociocultural

As 1.400 prazas ofrecidas no Km0 Balnearios no Camiño distribúense do seguinte xeito: 240 prazas no Hotel Balneario&Golf Resort de Guitiriz; 230 prazas no Hotel Balneario Río Pambre; 760 en Oca Augas Santas Balnearios Golf&Resort, e 170 no Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas.

Ós beneficiarios deste programa, impulsado pola institución provincial en colaboración cos balnearios, ofréceselles un desconto de 43 euros por persoa e facilítaselles o acceso ós tratamentos termais que ofrece a provincia, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida ó tempo que potencia a dimensión económica medioambiental da provincia, en particular das súas augas mineromedicinais.

12.000 euros de aforro

Por outra banda, Besteiro e Polín supervisaron as melloras de servizos públicos que a institución luguesa executou nas parroquias de Becín e Ferreiras, achegando para elo 12.000 euros, que aforrou ás arcas municipais. En Becín, núcleo guitiricense duns 150 veciños, a Deputación modificou a condución de aguas pluviais, xa que o sistema anterior non evitaba que a auga chegase ata as vivendas, inundándoas. Mentres, en Ferreira, o organismo provincial acondicionou o muíño da Ruxida, ademais de mellorar o contorno onde se atopa afincado, potenciando o patrimonio cultural e a riqueza natural da zona para xerar riqueza mediante o ecoturismo.