Deputación de Lugo

A Deputación contribúe ó mantemento da Estación Científica do Courel con 12.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou un convenio coa USC para realizar na Estación actividades formativas, divulgativas e de posta en valor do patrimonio da ComarcaCon esta axuda a institución impulsa os proxectos dos investigadores para fomentar o desenvolvemento económico desta zona afectada polo despoboamento

A Xunta de Goberno aprobou este venres un convenio entre Deputación e USC para o mantemento da Estación Científica do Courel. O texto establece unha achega por parte da institución luguesa á Universidade de 12.000 euros. Este orzamento adicarase no desenvolvemento de actividades formativas, divulgativas e de posta en valor do patrimonio cultural desta zona da Montaña luguesa.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que con esta axuda o organismo provincial colaborará cos investigadores no na realización de proxectos que impulsen o medio ambiente, “a nosa oportunidade económica”, nunha zona “gravemente afectada polo despoboamento demográfico”·

O obxectivo da Deputación é colaborar coa USC para converter a Estación Científica do Courel nun centro de referencia en investigación e formación no ámbito natural, que faga especial incidencia no progreso social e económico da comarca do Courel, permitindo valorizar o importante patrimonio medioambiental da zona.

Outros acordos

A sesión tamén acordou a conta xustificativa dunha obra do Plan de Comunidades Veciñais, executada no núcleo de Carballa de San Sebastián, no Concello de Palas de Rei. Trátase da dotación dun equipo de son para a igrexa parroquial, que contou cun orzamento de 2.260 euros, dos que a institución luguesa achegou 1.700 euros. Por último, a Xunta de Goberno aprobou o plan de seguridade e saúde no traballo das obras do 1º centro público en Galicia de despece de especies cinexéticas. É o derradeiro e imprescindible trámite para iniciar de xeito inmediato estas actuacións no Concello da Fonsagrada.