Deputación de Lugo

O paquete de recortes do Goberno Central mobiliza de novo ós traballadores da Deputación

Os sindicatos presentes na Xunta de Persoal e o Comité de Empresa convocaron fronte a San Marcos unha protesta, a terceira dende o anuncio do Executivo de Rajoy Os Deputados Pilar García Porto, Regina Polín, Sonsoles López Izquierdo e Juan José Díaz Valiño participarán na manifestación desta tarde polas rúas de Lugo; e Lara Méndez e José Ramón Val, na prevista en Burela

O último paquete de recortes adoptado polo Goberno Central mobilizou de novo este xoves ós traballadores da Deputación de Lugo, que se concentraron fronte ó Pazo de San Marcos, por terceira vez dende o anuncio do Executivo de Rajoy, convocados por Comisións Obreiras, CIG, CSI-F e UGT, os 4 sindicatos presentes nos órganos de representación dos empregados do organismo provincial (Xunta de Persoal e Comité de Empresa).

Os traballadores protestan deste xeito contra unhas medidas “inxustificables, que reducen aínda máis o consumo interno e provocan máis paro”, e que supoñen “o roubo de dereitos sociais conseguidos despois de moitos esforzos, utilizando escusas que ninguén se cre”. Critican así mesmo “a criminalización que se está a facer dos empregados públicos, culpándonos de todos os males deste país, tapando así os seus fracasos”.

Ademais da protesta que tivo lugar esta mañá diante de San Marcos, hoxe pola tarde haberá dúas manifestacións convocadas polos sindicatos da Función Pública, que contarán co respaldo de representantes da Deputación. Deste xeito, na marcha que partirá ás 20:00 horas da Casa Sindical de Lugo e discorrerá pola Ronda da Muralla, participarán os Deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto; Deseño e Artesanía, Regina Polín; Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo; e Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño. En canto á concentración que terá lugar ás 20:00 horas na Praza da Mariña de Burela, estarán a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val.

Para o día 26

Por outra banda, os sindicatos presentes na Xunta de Persoal e o Comité de Empresa da Deputación teñen fixada unha cuarta mobilización diante de San Marcos para o próximo xoves, 26 de xullo, ás 11:30 horas.

Proposta no Pleno

O propio Goberno provincial, a instancias do Grupo Socialista, levará ó Pleno unha proposta en contra dos novos recortes que vén de aprobar o Executivo Central e que perxudican “gravemente ós traballadores, pensionistas e parados”. A Vicepresidenta Segunda destacou que non podemos quedarnos quedos ante unhas medidas coas que Rajoy, ó igual que Feijóo e os seus compañeiros de partido, castigan pola crise ós desempregados, ós maiores, e en xeral a todos os cidadáns de a pé, mentres premian ós defraudadores cunha Amnistía Fiscal e non piden nin un mínimo esforzo ás grandes fortunas”.