Deputación de Lugo

70 rapaces de 7 sete colexios de Lugo e A Terra Chá participan na terceira ruta Exploradores de Terras do Miño da Deputación

Os nenos, de 7 a 10 anos, coñeceron hoxe Fonmiñá, a lagoa de Cospeito, Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño, en Lugo, facendo unha xincanaOs exploradores recibiron da man da Deputada de Medio Ambiente un diploma que acredita os seus coñecementos sobre a Reserva e como coidar o entornoA cuarta e última xornada, para a que xa están as prazas cubertas, terá lugar o 26 de maio e está dirixida ós nenos da Mariña

70 escolares de 7 colexios das comarcas de Lugo e A Terra Chá participaron este sábado na terceira ruta do programa Exploradores de Terras do Miño organizado pola Deputación para mostrar ós máis pequenos os recursos naturais, culturais e etnográficos deste espazo protexido pola UNESCO e conciencialos sobre a importancia da súa conservación e posta en valor. Os rapaces, de entre 7 e 10 anos de idade, pertencen ós CEIP Paradai, Benigno Quiroga Ballesteros e Sagrado Corazón, e ó IES As Mercedes, de Lugo, ó CPI Virxe do Monte de Cospeito e ó CEIP Lagostelle de Guitiriz.

Grazas á xornada didáctica, os nenos coñeceron o nacemento do río Miño en Meira, a lagoa de Cospeito, Finca Galea de Alfoz e o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, tanto a fauna e a flora destes espazos, como a importancia da auga neles (fontes, cascadas...); ademais dos recursos etnográficos (muíños, batáns...) e incluso lendas típicas da zona. Tamén se lles deron nocións de como coidar o medio ambiente e conservar o ecosistema.

Para elo, realizaron diversos xogos e actividades, tipo xincana, como encontrar coa axuda dunha brúxula, a través de diversas pistas e da man dos monitores, obxectos escondidos, como cámaras de fotos ou prismáticos, cos que tomaron imaxes e coñeceron os recursos da Reserva Terras do Miño. Cada un dos rapaces elaborou un caderno coas actividades e as fotos que fixo nas rutas. As imaxes tamén se colgarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org

A xornada concluíu no Centro de Interpretación Terras do Miño cunha merenda e unha entrega de diplomas que acreditan os novos coñecementos dos pequenos exploradores sobre a Reserva e o coidado do entorno. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, foi a encargada de entregarlles os títulos, un momento que os nenos tiveron a oportunidade de compartir cos seus pais e familiares.

A cuarta e última xornada de Exploradores de Terras do Miño está dirixida ós escolares da comarca da Mariña e terá lugar o sábado 26 de maio. As 70 prazas dispoñibles xa están cubertas.

Polo 10º aniversario de Terras do Miño

A Deputación continua co programa Exploradores de Terras do Miño a súa axenda de actos conmemorativos do 10º aniversario da Reserva, da que formou parte tamén a terceira Gala Lvcvs Moda e varias conferencias, obradoiros e exposicións, xa celebrados, que xiraron en torno á riqueza deste entorno natural. As rutas didácticas foron incluídas á súa vez no convenio que o organismo provincial ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das que é máxima responsable a institución provincial.