Deputación de Lugo

Publicada na web da Deputación a lista de admitidos e excluídos nas accións de inserción laboral do Pacto polo Emprego

Imaxe deputación de lugo
Os inscritos terán de prazo ata o martes, día 17, para emendar a documentación que lles foi requirida e presentar as alegacións que consideren oportunasOs 340 beneficiarios do Pacto recibirán entre este mes de xullo e novembro formación nas profesións con máis futuro: servizos sociais, medio ambiente e novas tecnoloxías

A Deputación de Lugo publicou este venres na súa páxina web http://www.deputacionlugo.org/ a lista de admitidos e excluídos nas accións de inserción laboral incluídas na segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego. Os inscritos terán de prazo ata o vindeiro martes, 17 de xullo, para emendar documentación que lles foi requirida e presentar as alegacións que consideren oportunas. O organismo lugués prevé facer pública, de novo na súa web, a listaxe definitiva de admitidos e os cursos que lle foron asignados na semana do 23 de xullo. O proceso de selección realízase segundo os criterios de valoración establecidos nas bases do Pacto, que poden consultarse na web http://www.deputacionlugo.org/

As 340 persoas que finalmente resulten beneficiarias destas accións coas que a Deputación abre novas oportunidades laborais ós desempregados de tódolos Concellos da provincia –agás o de Lugo, que conta co seu propio plan- recibirán entre finais deste mes de xullo e o de novembro formación teórica e práctica nas profesións con máis futuro: servizos sociais, medio ambiente e novas tecnoloxías.

A través da segunda fase do Pacto polo Emprego, financiado ó 80% pola Unión Europa, impartiranse un total de 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes, todas elas vinculadas coas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistila crise. Trátase dos coñecidos como empregos brancos, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, un sector que, segundo un informe do Ministerio de Traballo de outubro do ano pasado, xerará 200.000 empregos hasta 2015 en España; os empregos verdes, que medraron un 235% na última década, superando os 500.000 postos en España na actualidade, e os 24.000 en Galicia; e os empregos azuis, os relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, área que creará 218.000 empregos hasta 2020 no país.

O Pacto polo Emprego persegue mellorar a formación e, con elo, as posibilidades de acceso ó mercado laboral, dos desempregados da provincia en xeral, e en especial das persoas con maiores dificultades, é dicir, mozos menores de 30 anos; maiores de 45 anos; desempregados de longa duración; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial; e vítimas de malos tratos; entre outros colectivos en risco de exclusión social.

O contido dos cursos

Os cursos ofertados son os seguintes: coidador de discapacitados físicos e psíquicos; atención especializada para enfermos de alzheimer; auxiliar de enfermería en xeriatría; dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; produtor de hortalizas ecolóxicas; actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; instalador de impermeabilización; mantedor, reparador de calefacción e auga quente sanitaria; edificación sostible; técnico en comercio exterior; xestión comercial das ventas; e administración de servidores e páxinas web. Ademais, como novidade con respecto á primeira parte do Pacto, impartirase un taller de emprendemento, no que os participantes recibirán información clave para iniciar o camiño da posta en marcha dun negocio propio.

Para facilitala participación, as accións formativas descentralizaranse, levándose a cabo nas áreas de influencia de Monforte de Lemos, Viveiro e Lugo, unhas localizacións que, en calquera caso, poderán sufrir cambios en función da demanda rexistrada.

Axuda económica

Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM, isto é 400 euros. As persoas interesadas poden encontrar información sobre esta iniciativa na páxina web da Deputación, http://www.deputacionlugo.org/

Máis inserción laboral

Coa segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, a Deputación dá continuidade ós proxectos que, a pesar de non ter as competencias directas en emprego, leva impulsado para dinamizar o mercado laboral, tales como a propia primeira parte do Pacto, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando; o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas, ou as becas medioambientais Lug02, que acadaron unha inserción laboral do 50%. O organismo lugués poñerá tamén en marcha o Plan Integral Agropecuario e Forestal, que formará a 900 persoas para potencialo emprendemento nestes sectores vitais para o tecido socioeconómico de Lugo.