Deputación de Lugo

Un centenar de persoas estrea en Monforte o programa de ocio medioambiental Lugoteando da Deputación

Os participantes na iniciativa, coa que o organismo lugués potencia o lecer ecolóxico como oportunidade económica da provincia, gozaron no entorno do Parque dos Condes de paddle surf, bananas acuáticas, scooters acuáticos, segway e skates eléctricosTan só catro días despois de abrirse a inscrición, xa hai anotadas 150 persoas –incluídas as da cidade do Cabe- nas actividades da terceira edición de Lugoteando, que, tras Monforte, desenvolveranse ata setembro en Vilalba, Viveiro, Foz, A Fonsagrada e LugoOs interesados poden anotarse chamando ós teléfonos 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; na web www.deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade

As actividades do programa de ocio medioambiental Lugoteando da Deputación arrancaron este sábado en Monforte de Lemos con un grande éxito de convocatoria. Un centenar de persoas estrearon na área fluvial do entorno do Parque dos Condes a terceira edición da iniciativa, coa que o organismo provincial potencia o lecer ecolóxico como alternativa económica da provincia. Os participantes, de tódalas idades, gozaron nesta primeira xornada de Lugoteando de paddle surf, bananas acuáticas, scooters acuáticos, segway e skates eléctricos.

Monforte, xunto a Vilalba e Viveiro, son as localidade ás que a Deputación leva por primeira vez este ano as actividades de Lugoteando, que decidiu estender, tanto en número de concellos, como na duración, para que máis familias e xente nova poidan gozar das súas propostas.

Esta terceira edición do programa de ocio medioambiental, cofinanciado ó 80% pola Unión Europea a través do programa Lug02, repite o éxito de convocatoria das dúas primeiras, pois tan só en catro días dende a apertura do prazo de inscrición, anotáronse xa 150 persoas, incluídas as de Monforte. Trala xornada de hoxe, as seguintes localizacións, por datas, son as seguintes:
28 de xullo, na área recreativa da Madalena de Vilalba.
18 de agosto, no entorno do Club Náutico de Viveiro.
19 de agosto, na praia focense da Rapadoira.
25 de agosto, na Praza do Museo da Fonsagrada.
Días 6, 7, 8 e 9 de setembro, no río Miño ó seu paso por Lugo.

En tódolos lugares, as actividades desenvolveranse entre as 15:00 e as 20:00 horas. Haberá paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; skates eléctricos; surf; kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos; paseos en batuxo e canoa; e percorridos en segway, un vehículo eléctrico de dúas rodas con autobalanceo controlado por ordenador. Estas actividades son totalmente respectuosas co entorno e están dirixidas a calquera persoa maior de 7 anos de idade.
Como inscribirse
A inscrición pode facerse chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. Esta última opción non garante que haxa prazas libres. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades nas que desexen participar.

Preto de 3.000 persoas
Dende a posta en marcha do programa Lugoteando, foron preto de 3.000 persoas as que redescubriron ou coñeceron por primeira vez a riqueza fluvial e litoral da provincia, pois, nas dúas edicións anteriores, non só houbo participantes dos Concellos lucenses, senón doutras partes da comunidade galega, como Ferrol e A Coruña, e incluso de fóra, como a zona occidental de Asturias.