Deputación de Lugo

A Deputación denuncia a queima de 500 hectáreas na provincia en só tres días

Lara Méndez subliña que son datos de Medio Rural, “departamento autonómico que só facilita datos dos lumes de máis de 20 hectáreas polo que a superficie queimada podería ser maior”A Vicepresidenta Segunda denuncia que os lumes “son froito do total abandono do campo, dos recortes ó sector agrogandeiro e do desmantelamento das políticas de prevención e ordenación forestal, durante os máis de 3 anos de nefasta xestión da Xunta”“Os Gobernos do PP discriman o rural, unha discriminación que aínda é maior en Lugo, a única provincia en Galicia que non conta con patrullas do Exército para vixiar os nosos montes e actuar no caso de incendios”, remarcou Méndez

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, denunciou hoxe a queima de 500 hectáreas na provincia en só tres días. Méndez explicou que son datos oficiais da Consellería de Medio Rural, remarcando que dito “departamento do Goberno galego só facilita información dos lumes de máis de 20 heztáreas polo que esta cifra podería ser maior en Lugo”. A superficie oficialmente queimada corresponde a Friol, con 176 hectáreas; Ribas do Sil, con 115 hectáreas; e Navia de Suarna, con 195 hectáreas; todos eles Concellos lugueses nos que se produciron incendios entre o pasado venres e o domingo.

A responsable da área de Emprego, Economía Sostible e Demografía, salientou que “isto é froito do total abandono do campo, dos recortes ó sector agrogandeiro e do desmantelamento das políticas preventivas e de ordenación forestal, durante os máis de 3 anos de nefasta xestión desta Xunta. Feijóo está a facer que o noso rural quede sen xente ó non impulsar medida algunha para xerar emprego nin para coidar e manter limpos os nosos montes, previndo deste xeito os lumes e racionalizando o gasto en extinción”.

Lara Méndez indicou que o Goberno galego recortou este ano en máis de 22 millóns de euros as medidas de prevención de lumes, suprimiu as axudas á multifuncionalidade do monte, rebaixou os investimentos nos montes de xestión pública e nas axudas a comunidades de montes, reduciu en 1,5 millóns de euros as colaboracións cos municipios en materia de prevención, ó tempo que decidiu non cubrir as baixas nin as vacantes das cuadrillas, repercutindo na seguridade dos traballadores. “Con cada euro ben xestionado en materia de prevención de lumes, aforraríanse 3 en extinción”.

Lugo sen patrullas
“Os Gobernos do PP discriminan o rural, unha discriminación que aínda é maior en Lugo, a única provincia en Galicia que non conta con patrullas do Exército para vixiar os nosos montes e actuar en caso de incendios”. Hai que ter en conta que este ano despregáronse 23 unidades da Infantería de Marina e da Brillat, concretamente, nos distritos pontevedreses de O Condado e O Ribeiro; nos ourensáns de Valdeorras, Verín e A Limia; e nos coruñeses de Fisterra e Barbanza.

A Vicepresidenta Segunda lembrou que a responsabilidade dos incendios forestais en Galicia é da Xunta. A Consellería de Medio Rural é a encargada de xestionar tanto os medios preventivos como os de extinción. A Deputación de Lugo, como xestora do 50% do Consorcio Provincial de Bombeiros, “organismo creado en 2008 por esta Goberno lugués e o anterior Executivo autonómico para pór fin á discriminación que sufría Lugo que, tamén neste caso, era a única provincia galega sen este servizo”, tal e como recolle a lei debe colaborar nas tarefas de extinción de lumes forestais sempre que así se solicite dende o 112 e só cando afecten ás vivendas co obxectivo de preservar a seguridade dos veciños. Cómpre destacar que os medios para combater incendios forestais deben ser especializados como, por exemplo, os das brigadas helitransportadas.