Deputación de Lugo

A Deputación participa no Arde Lucus vestindo ás figuras centrais de César e Lisístrata con traxes do CENTRAD

Os artesáns do centro confeccionaron a man as vestimentas que lucirán estes dous personaxes que representan o espírito da festa en moitos dos actos programados para esta fin de semana Esta é outra das colaboracións da institución provincial co Arde Lucus no ano no que a Praza de San Marcos decorada estréase como escenario de actividades infantís do Arde MiúdoTodos aqueles que non teñan aínda vestimenta poden facerse cun traxe completo na plataforma de comercio electrónico da Deputación www.losproductosdelugo.com

Os obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo levan tempo traballando na creación de dúas vestimentas moi especiais. César e Lisístrata son os personaxes que representan o espírito do Arde Lucus, e este ano ámbolos dous vestirán traxes realizados polos profesionais artesáns do CENTRAD.

Os miles de visitantes que este ano se achegarán ata a capital lucense para participar no Arde Lucus poderán admirar ó labor dos artesáns que traballan habitualmente no obradoiros de Traxe Rexional, e que nesta ocasión puxeron todo o seu saber para confeccionar traxes inspirados na vestimenta habitual das clases acomodadas do imperio.

O de César está confeccionado en función do canon romano da toga picta ou toga triumphalis, modelo utilizado polo reis de Roma durante a monarquía e que durante a república soamente podía lucir o vencedor nas celebracións dos seus triunfos. O tecido é liño 100%, materia prima utilizada dende hai séculos en Galicia e usada tamén tradicionalmente polo pobo romano, moi axeitada para este tempo de verán.  Para a confección desta vestimenta do César empregáronse 6 metros de liño tinguido a man. En canto ós complementos, César lucirá unha coroa de loureiro elaborada pola palilleira Marisa Hermida, que cedeu desinteresadamente a peza, elaborada en encaixe de palillos, en fío de seda e ouro.

Pola súa banda, o vestido de Lisístrata é unha reprodución adaptada dunha das representacións mais comúns deste personaxe. Esta poderosa muller aparece ataviada na maioría dos debuxos, gravados e carteis de teatro con tecidos transparentes formando pregues. As transparencias foron substituídas por punto de seda en cor púrpura, nun vestido de talle alto con escote drapeado, manga aberta e fruncida, e sobre saia de pregues en diminución desde a cadeira ata os pés.

Actividades en San Marcos

Esta é unha nova colaboración da Deputación de Lugo cunha festa que cada ano atrae a máis visitantes á cidade. O pasado mes de marzo, a institución provincial e o Concello de Lugo renovaban un convenio de colaboración para a organización da undécima edición do Arde Lucus. Mediante este acordo, a Deputación achegou 18.000 euros para formar ás máis de 200 familias que integran as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios públicos e concertados da capital luguesa. Organizáronse 25 obradoiros nos que pais e fillos puideron confeccionar as súas vestimentas, ben de romanos ou de castrexos, así como complementos elaborados en coiro, pezas de uniformes militares, coroas de flores ou papiros.

Precisamente os máis novos serán os que máis gozarán da Praza de San Marcos, que tras a súa transformación é un amplo espazo de uso público, lucirá engalanada coas cores do Arde Lucus. No balcón principal loce a chamada coroa “guercea” ou “cívica”, feita con follas de carballo e símbolo das cidades romanas, considerada a segunda máis alta condecoración á que un cidadán podía aspirar. Nos laterais dos balcóns atópase a lenda LVC EST AUGUST, que rememora o Altar de Roma e que convida ó pobo lucense a sentir a condición de cidade maxestuosa e venerable. Así pois, San Marcos por primeira vez será escenario do Arde Miúdo, programación de actividades para os máis pequenos. Ademais, a apertura ó público da ventá arqueolóxica que fai visibles os restos dun acueducto datado na primeira década do século I despois de Cristo -actuación financiada con fondos do Plan URBAN que achegan a Unión Europea, Deputación e Concello- engade un atractivo máis para achegarse ata San Marcos.

Non é a única actuación que ambas institucións puxeron en valor e que contribúen a dar pulo ó pasado romano de Lugo: financiaron a instalación da piscina romana de Santa María e estase a instalar outra ventá nos restos da Muralla situados na Rúa Nova.

Traxes para todos en www.losproductosdelugo.com

Todos aqueles que aínda non tiveron oportunidade de mercar ou confeccionar o seu traxe de Arde Lucus, están a tempo de facerse cunha vestimenta completa na Rede, entrando na plataforma de comercio electrónico da Deputación, a primeira existente na provincia. Só teñen que acceder á dirección www.losproductosdelugo.com e mercar un dos que ofrece “Unha de romanos”, establecemento lugués que, o ano pasado, recibiu a visita de 1.500 internautas grazas á iniciativa da Deputación. Precisamente esta firma lucense é a creadora dos 25 traxes que ata o domingo se poderán admirar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e que recrean diferentes indumentarias dos antigos moradores da cidade.

Deste xeito, non hai escusa para non participar na cita que, logo do San Froilán, atrae ó maior número de visitantes a Lugo, cun millón de persoas, acadando o 100% da ocupación hoteleira e xerando un volume de negocio de 10 millóns de euros, segundo datos da última convocatoria. Declarada Festa de Interese Turístico en Galicia, o Arde Lucus sitúase, ademais, nun lugar destacado no calendario de festexos de España.