Deputación de Lugo

O artesán lucense Adolfo Domínguez recibe o galardón da Deputación ó mellor expositor do XVI Artesanfroilán

Gómez Besteiro entregou ó vencedor o premio de 1.000 euros en metálico co que a institución provincial agasalla todos os anos ó mellor stand da feira de artesanía O Presidente provincial salientou a repetición do éxito de público e vendas da feira, que demostra a “boa saúde do sector artesanal da provincia”, animando ós profesionais a sumarse á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.comO número de obradoiros de artesanía na provincia de Lugo aumentou con respecto ó pasado ano, chegando a supoñer o 18% dos existentes na Comunidade Galega, segundo datos do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este venres o galardón que o organismo provincial outorga ó mellor “stand” de artesanía dos participantes na feira Artesanfroilán. Este ano o recoñecemento foi para a firma Obradoiro, tras da cal está Adolfo Domínguez, artesán adicado á xoiería, que destacou polo esmerado deseño do seu expositor, a coidada presentación do produto e a orixinalidade e esforzo por mellorar a imaxe global da feira. O artesán premiado é o lucense Adolfo Domínguez, quen leva 20 anos deseñando pezas de xoiería, a maioría delas en prata, mesturando de xeito orixinal este metal con materiais propios da terra, coma é a lousa do país. Precisamente este material tamén foi o escollido por Domínguez para a decoración de estilo minimalista coa que preparou o “stand” premiado. As súas creacións destacan polos volumes.

Durante o acto, que contou coa presenza da Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e os membros do xurado encargado de seleccionar o gañador, Gómez Besteiro destacou que coma en anteriores edicións, a calidade dos participantes é “elevadísima. É unha tarefa ben difícil elixir ó merecedor deste premio”. Así mesmo, subliñou o feito de que “o éxito de público e vendas desta feira amosa a boa saúde do sector artesanal na nosa provincia”.

O Presidente afirmouse unha vez máis no compromiso da institución provincial cos artesanos, “xa que os datos nos confirman o peso notable desta actividade na riqueza de Lugo”. De feito, segundo datos do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, o número de obradoiros artesanais da provincia aumentou con respecto ó pasado ano ata os 76, malia sufrir tamén as consecuencias do grave estado da economía do país. Estes obradoiros, que dan emprego a máis de 150 persoas, supoñen o 18% do total da comunidade.

Novas vías de comercialización

O Presidente aproveitou a ocasión para animar a todos os presentes, tanto artesáns coma compradores, a sumarse á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, co obxecto de abrir novos camiños para a difusión e comercialización dos produtos feitos na provincia. De feito, algún dos artesáns presentes na feira xa están presentes dende hai tempo no portal de venda por Internet, iniciativa que vén marcada polo éxito dende os seus inicios. Posta en marcha grazas ó programa Innova-TE, financiado pola UE, as empresas integradas en www.losproductosdelugo.com viron incrementadas as súas vendas nun 66%.

Gran afluencia de público

O bo tempo que predominou estes días contribuíu a que numeroso público se achegase ata Artesanfroilán. Pezas de téxtil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, olería, vidro, zapatos, xoiería, marquetería, cestaría, bisutería ou bonequería formaron parte da variada oferta deste ano.

Artesanfroilán é unha mostra consolidada en todo o territorio español pola súa rendibilidade. A cambio da aportación de 360 euros que fai cada artesán, tres veces mais barato que calquera outra mostra celebrada en Galicia, o volume de negocio sitúase cada ano en torno ós 100.000 euros, ademais de que a Deputación colabore facilitando as instalacións necesarias para a súa posta en marcha.