Deputación de Lugo

Valiño considera os estudantes cos mellores expedientes de ensino medio de Galicia "unha esperanza de futuro" para o país

Imaxe deputación de lugo
O Deputado de Cooperación, xunto ó reitor da USC e o Alcalde de Lugo, participou no acto de recoñecemento dos estudantes, celebrado no auditorio lucense Gustavo Freire

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, participou no acto de recoñecemento ós estudantes que acadaron os mellores expedientes de ensino medio de Galicia celebrado este venres no auditorio lucense Gustavo Freire. Valiño quixo enxalzar a “cultura do esforzo” dos estudantes, “que tan ben coñecedes, e que xa vos está tendendo os seus brazos para que sigades triunfando”. Ademais de agradecer ese “exercicio de constancia e responsabilidade”, o Deputado subliñou a “esperanza de futuro” que representan para o país os estudantes que recibiron o tributo: “o futuro comeza a tender a súa alfombra para que pasedes pisando forte, con ese paso firme e esperanzador dos que cumpren co seu deber, o mundo é un pouco mellor porque vós estades ás súas portas”. Díaz Valiño destacou que con este acto remata en Lugo “unha semana de éxitos. Comezamos co Arde Lucus, seguimos co ascenso do Lugo e agora rematamos co recoñecemento ós mellores estudantes de Galicia”.

Xunto ó Deputado provincial estiveron no acto o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; e o Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco. Interviñeron tamén a directora do IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, en representación dos centros de ensino medio de Galicia, e o estudante Jorge Boán Pérez, do IES Eduardo Blanco Amor, en representación do alumnado con mellores expedientes. No marco do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, a universidade compostelá organiza o recoñecemento aos estudantes que acaden a puntuación de nove ou superior como resultado da media ponderada do 60% da nota media do Bacharelato e o 40% da cualificación da fase xeral das Probas de Acceso á Universidade (PAAU).