Deputación de Lugo

A Deputación mellora a traída de auga no núcleo Castro-San Martín, en Portomarín, que dá servizo a 100 veciños

O Presidente supervisou os traballos de construcción de novos depósitos de abastecemento de auga, acometida a través do Plan de Comunidades Veciñais de 2011A institución provincial leva investidos no Concello de Portomarín preto de 3 millóns de euros na posta en marcha de infraestruturas e acondicionamento de servizos nos últimos 5 anos

A Deputación de Lugo corrixiu as deficiencias da traída de auga da parroquia portomarinense de Castro-San Martín, que dá servizo ós preto de 100 habitantes que residen neste núcleo rural. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou os traballos de construción de novos depósitos de abastecemento, acometidos en colaboración cos veciños da localidade a través do Plan de Comunidades Veciñais de 2011. Con esta nova colaboración, a Deputación conseguiu mellorar notablemente a calidade de vida dos veciños, que ata o momento contaban cunhas deficientes instalacións que lles dificultaban enormemente o correcto subministro de auga corrente nas súas casas.

Besteiro destacou a importancia de manter a cooperación cos Concellos da provincia para levar a cabo este tipo de obras menores, aínda que non por elo menos relevantes, xa que cobren necesidades básicas de veciños, ó tempo que os Concellos aforran cartos. O Presidente quixo destacar que este tipo de actuacións “cobran especial importancia á hora de evitar o éxodo demográfico do rural cara as cidades”.

Preto de 3 millóns en 5 anos

Con esta última actuación, o organismo provincial leva investidos preto de 3 millóns de euros na posta en marcha de servizos e mellora dos existentes no Concello de Portomarín. Nos cinco anos do goberno bipartito, deuse resposta a vellas reivindicacións e necesidades que dende había anos viñan sendo reclamadas polos veciños do municipio sen obter resposta.

Precisamente, no marco das axudas concedidas a través do Plan de Comunidades Veciñais, a Deputación leva financiadas diversas actuacións por valor de máis de 100.000 euros, dirixidas ó acondicionamento de infraestruturas e instalacións para os veciños, como o caso dos depósitos de auga en Castro-San Martín; a mellora de camiños nos núcleos de Vedro, Soengas, ou Caborrecelle; a rehabilitación de centros sociais coma o de Castrolázaro; a habilitación dun parque infantil e un biosaudable na Avenida de Sarria; ou mesmo o saneamento da parroquia de Recelle tras a negativa da Xunta a facelo.

En canto ás infraestruturas, tamén a Deputación acometeu a mellora de estradas provincias e municipais de Portomarín, como a que une o Alto de Valiño con Valdeporrás, na que se investiron preto de 800.000 euros; a mellora dos accesos ós núcleos de Lousada, Mariz e Gai, ou a repavimentación e dotación de servizos das rúas do Miño e Deputación, obras que supuxeron un aforro de case 42.000 euros ás arcas municipais.

En canto á mellora de servizos, grazas ó programa Innova-TE, a Deputación permite que os veciños poidan facer máis de 140 trámites administrativos por Internet dende as súas casas. Con esta iniciativa, ademais de aforrar tempo e cartos ós veciños, tamén o fai co Concello, ó que lle aforra uns gastos de preto de 300.000 euros. O Concello acadou finalmente cobertura ante emerxencias, grazas á rede provincial de parques de bombeiros e mesmo conseguiu por primeira vez apoio institucional para poñer en marcha a festa do Augardente, que supón un importante impulso á economía municipal, grazas ós beneficios que a chegada de visitantes aporta a sectores coma o comercio, o hostaleiro ou o gastronómico. Estes mesmos beneficios son os que aporta o programa Km0, que achega visitantes ó Concello durante todo o ano.