Deputación de Lugo

O programa Km0 favorece a desestacionalización do turismo na Mariña con 4.000 desprazamentos no último ano

Ribadeo, Xove e Alfoz copan os destinos das rutas medioambientais desta semana, que farán 285 lucenses, entre alumnos de centros de ensinanza e persoas anotadas de xeito individual A Deputada de Deseño e Artesanía recibiu hoxe a un grupo de 55 escolares do CPI Dr. López Suárez do Saviñao e outros 48 do CEIP de San Clodio, en Ribas de Sil, que redescubriron os municipios ribadense e alfocense

O programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo favorece a desestacionalización do turismo na Mariña, pois garante afluencia de visitantes á zona fóra de tempada. De feito, dende xaneiro de 2011 rexistráronse uns 4.000 desprazamentos á Costa lucense grazas á iniciativa do organismo provincial, concentrados entre os meses de xaneiro a xuño e de outubro a abril. A Mariña é o destino máis demandado polos participantes, e dende a posta en marcha do programa, no ano 2008, foron un total de 11.000 persoas as que viaxaron á comarca. A praia ribadense das Catedrais, declarada Monumento Natural; Illa Pancha, tamén en Ribadeo; as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo; e o eucaliptal de Chavín, en Viveiro, son algúns dos lugares que máis sorprenden e gustan da Costa.

Ademais, a iniciativa contribúe a manter uns 350 postos de traballo directos en sectores estratéxicos do tecido socioeconómico da comarca mariñana, pois a afluencia de visitantes que garanten as rutas organizadas no marco desta iniciativa –e máis tendo en conta que a Costa é o destino máis solicitado- supón un pulo para actividades como a hostaleira, comercial turística, artesá e agrogandeira. Na actualidade, 35 establecementos da Mariña colaboran con Km0, de xeito que os participantes nos roteiros comen sempre en restaurantes da comarca, ademais de degustar produtos autóctonos e visitar empresas, como conserveiras, lonxas e obradoiros artesáns, así como museos e o patrimonio paisaxístico, cultural e arqueolóxico.

Os municipios de Ribadeo, Xove e Alfoz concentran os destinos das 6 rutas desta semana, que farán 285 lucenses entre alumnos de 5 centros educativos e persoas anotadas de xeito individual. O programa arrancou este martes con dous grupos de escolares, un de 55 rapaces do CPI Dr. López Suárez do Saviñao e outro, de 48 do CEIP de San Clodio, en Ribas de Sil, que recibiu a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, no Salón de Actos de San Marcos. Os nenos do Saviñao coñeceron a olería de Bonxe e desprazáronse logo a Ribadeo, onde comeron no restaurante O Cabazo, fixeron unha travesía pola ría e visitaron o casco histórico e o convento das Clarisas. Pola súa banda, os estudantes do colexio de San Clodio achegáronse ás instalacións da Fundación TIC, dependente da Deputación, e comeron no restaurante Niza de Abadín para viaxar logo a Alfoz, onde coñeceron O Cadramón, a fortaleza de Pardo de Cela, Finca Galea e a ruta Pozo da Onza.

Mañá mércores, 24 rapaces do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos e 55 do CEIP O Salvador da Pastoriza estarán en Ribadeo. O primeiro grupo gozará de actividades multiaventura na vila mariñana, logo de visitar en Lugo o Centro de Interpretación Terras do Miño. A comida terá lugar no restaurante La Solana. En canto ós nenos da Pastoriza, visitarán o mazo de Santa Comba e, xa en Ribadeo, comerán no restaurante Marinero, darán un paseo en barco pola ría e pasearán polo casco histórico, cunha parada no Convento das Clarisas.

O xoves conclúe o programa desta última semana de maio con dúas rutas por Ribadeo e Xove, que farán, respectivamente, 55 estudantes do IES de Quiroga e 48 persoas anotadas de xeito individual. Os mozos quirogueses iniciarán o percorrido nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, e continuarán cun paseo en barco pola ría ribadense e cunha visita ó casco histórico e ó convento das Clarisas. A comida terá lugar no restaurante O Cabazo. Pola súa banda, o grupo de persoas inscritas de xeito individual visitará o mazo de Santa Comba, comerá no restaurante vivariense Louzao e coñecerá Punta Roncadoira, Portocelo e o porto e o cabo de Morás.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.