Deputación de Lugo

Máis de medio cento de establecementos lugueses sacan hoxe á rúa mercancías con descontos do 50% ó 80% durante o Street Market

Gómez Besteiro percorreu algún dos establecementos participantes xunto con membros da Asociación de Autónomas, organizadora deste evento apoiado por Deputación e Concello Besteiro insistiu na necesidade de apoiar ó sector afectado polos recortes do Goberno central e a suba do IVE, que xa condenaron ó peche a 400 establecementos só na capital A Fundación TIC colabora de novo coas Autónomas gravando o ambiente na rúa e nos negocios e elaborando unha reportaxe que se difundirá en televisións e redes sociais

O Presidente da Deputación acudiu hoxe á cita que todos os lucenses teñen co Street Market, un evento posto en marcha pola Asociación de Autónomas e que conta co apoio de Deputación e Concello. Por primeira vez, máis de medio cento de negocios da capital sacarán á rúa durante todo o día as súas mercancías con descontos de entre o 50% e o 80%, co fin de atraer a lucenses e visitantes ós seus establecementos e animar as vendas.

O máximo responsable provincial, xunto coa Presidenta da Asociación de Autónomas, Nora Real, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, detivéronse nalgún dos establecementos adheridos a esta convocatoria, intercambiando impresións cos responsables dos negocios. Gómez Besteiro remarcou a necesidade de que dende as administracións se apoien iniciativas coma este Street Market, que contribúan a favorecer o consumo e aliviar a delicada situación na que centos de negocios se atopan, xa que son un dos sectores máis afectados polas medidas postas en marcha polo Goberno central e que xa teñen condenado ó peche a 400 establecementos só na capital da provincia.

“A últimas das medidas adoptadas polo Goberno, a subida do IVE, supón un paso máis no detraemento do consumo, xa que o único que se consegue é o aumento nos gastos das pequenas economías. Esta brutal suba do IVE, que suporá un custo medio ós autónomos de 1.100 euros ó ano, significará a desaparición de negocios e a destrución de miles de empregos. Tristemente esto só continúa coa tendencia na que estamos inmersos dende hai 25 meses, nos que se vén rexistrado unha caída continua nas vendas. É imprecindible que as administracións apoien calquera medida que alivie estas estatísticas”, subliñou o Presidente.

Máis de medio centenar de establecementos

Os negocios participantes, ubicados nas rúas do casco histórico e en zonas próximas, estarán identificados por ter ante as súas portas unha mesa de cor laranxa para chamar a atención de lucenses e visitantes, que poderán mercar un amplo abano de productos, coma artículos téxtiles, complementos, calzado, lencería, xoias ou mesmo lentes. Todos estes produtos terán descontos de entre o 50% e o 80%. Unha oportunidade de reactivar a economía lucense e coñecer máis de preto o que o comercio lucense pode ofrecer ó consumidor.

Un día do que quedará constancia grazas ó traballo de técnicos e bolseiros da Fundación TIC, que grabarán a actividade nas rúas e elaborarán unha ampla reportaxe que se difundirá por toda a provincia, promocionando ós comercios participantes co fin de contribuír a manter a súa economía. É unha nova colaboración co sector, xa que a Fundación ten un convenio coa Asociación de Autónomas para potenciar as actividades do colectivo. En anteriores ocasións a TIC participou na Feira Outlet ou na Noite Aberta, realizando reportaxes sobre estas convocatorias que se visionaron en varios canles informativas e nas redes sociais máis populares.