Deputación de Lugo

Medio milleiro de persoas redescobren a Zona Sur este mes a través do programa Km0

Imaxe deputación de lugo
Das 17 rutas organizadas para setembro no marco deste proxecto medioambiental, máis da metade discorrerán pola comarca 48 membros da delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro fan hoxe o primeiro itinerario da semana, que discorre pola Ribeira Sacra

A Zona Sur concentra este mes máis da metade das rutas e dos participantes do programa Km0 da Deputación, sendo o destino de medio milleiro de persoas e 11 dos 17 itinerarios previstos. A alternativa máis solicitada na comarca é a que combina itinerarios en catamarán e tren turístico polas viñas e adegas con percorridos polas igrexas románicas. De feito, das 11 viaxes previstas para este mes pola Zona Sur, a metade cubrirán este itinerario.

Tras estrearse hai 7 días a 5ª tempada de Km0, a programación continúa nesta segunda semana de setembro con 4 itinerarios, todos precisamente pola Zona Sur. Un grupo de 48 integrantes da delegación da Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC) de Lugo fai este martes a primeira ruta, escollendo a que combina catamarán e tren por viñedos e adegas, e percorridos por igrexas románicas. A programación continuará o mércores cunha paseo en catamarán por Amandi, que farán 48 persoas do Centro de Dinamización da Escola de Calde, de Lugo; o xoves, 48 persoas da Casa da Muller do Concello de Lugo percorrerán os viñedos de Chantada e achegaranse ó embalse e ó pobo de Belesar; e o sábado, dentro da modalidade Km0 Fin de Semana, 48 integrantes do Club Náutico de Foz desprazaranse ó embalse de Vilasouto, ós Muíños de Antero e á igrexa de San Fiz de Hospital.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en http://www.deputacionlugo.org/ onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.