Deputación de Lugo

A Deputación facilita o asentamento de novas empresas en Monforte cofinanciando a mellora da depuradora do polígono

A axuda de 25.000 euros que aprobou hoxe a Xunta de Goberno fai posible un proxecto “vital” para o desenvolvemento económico e a creación de emprego na localidade, pois eliminará os problemas de vertidos que se veñen producindo O organismo lugués eleva a máis de 1,1 millóns de euros o seu investimento na posta en valor do entorno do río Cabe coa achega dos 940.000 euros que fará no marco do convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello para ampliar o paseo fluvial

A Deputación de Lugo cofinanciará as obras para mellorar a capacidade da depuradora do polígono industrial do Reboredo, en Monforte de Lemos, “mellorando deste xeito a actividade da vintena de firmas radicadas no parque, nas que traballan un centenar de persoas, e facilitando o asentamento de novas empresas”, subliñou a Vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto. A axuda de 25.000 euros que a Xunta de Goberno aprobou conceder este venres ó Concello monfortino fará posible un “proxecto vital para o desenvolvemento económico da localidade e, polo tanto, para a creación de emprego”, indicou García Porto.

O importe que achegará a institución supón o 20% do custe total deste proxecto, mentres que a cantidade restante para completar o orzamento das obras deberaa aportar a Xunta, tal e como lle reclamou o Pleno de Monforte, coa unanimidade de tódolos grupos políticos municipais.

A Deputación tomou esta decisión no marco da súa “aposta pola máxima cooperación cos Concellos”, subliñou a Deputada, co obxectivo, neste caso, de axudar a Monforte a solucionar un problema urxente que se vén dando no parque empresarial co vertido de residuos, unha situación que se produce porque o desenvolvemento do propio polígono fixo que a depuradora se quede pequena, e que lle está a custar ó Concello uns 300.000 euros ó ano en forma de multas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. “A cuestión é realmente grave porque a insuficiente capacidade da depuradora está a bloquear incluso o asentamento de novas empresas no polígono”, aseverou a Vicevoceira socialista.

O organismo provincial “reforza así mesmo ó seu apoio ó parque empresarial de Monforte”, sinalou García Porto, pois a Deputación xa financiou con 600.000 euros os accesos ó complexo industrial.

Desbloqueo do convenio para ampliar o paseo do Cabe

A Xunta de Goberno acordou, fóra da orde do día, outro asunto de gran galado para os veciños de Monforte: “Cumprindo co que avanzamos o mércores, aprobamos a achega económica de 940.000 euros que lle corresponde á Deputación para facer fronte ó convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Monforte para acometer a ampliación do paseo fluvial do Río Cabe”, explicou Pilar García Porto.

A cantidade de 940.000 euros supón o 20% do total do orzamento estimado para esta obra, e distribuirase en 3 anualidades: 284.989,36 euros en 2013; 482.985,12 euros, en 2014; e 172.025,52 euros, en 2015.

Co paso dado hoxe, “garantimos un convenio que permitirá a rexeneración e posta en valor das marxes e a cunca do Cabe, no tramo comprendido entre o Parque dos Condes, situado no centro urbano, e a parroquia de Piñeira, unha das zonas máis marxinadas de todo o río debido ó seu uso histórico industrial, e que foi básica para o desenvolvemento económico e social da cidade monfortina”, argumentou a Deputada.

Neste senso, a tamén delegada de Economía, Recadación e Facenda quixo destacar “o novo esforzo que fai a Deputación comprometendo esta partida presupostaria, tendo en conta que estamos en plena elaboración dos Orzamentos de 2013 e que nos atopamos con eventualidades que nos complican moito esta labor, como a débeda de 3,1 millóns de euros que, a dous meses de rematar o ano, aínda mantén a Xunta de Galicia coa Deputación pola xestión e mantemento dos hospitais de San José e San Rafael”.

Iluminación co Canon

Coa achega aprobada hoxe, o investimento do organismo lugués para a rexeneración e posta en valor do entorno do río Cabe “supera os 1,1 millóns de euros, pois ós 940.000 que destinamos agora para ampliar o paseo fluvial, hai que engadir a obra de iluminación do propio paseo, acometida con preto de 165.000 euros dos fondos do Canon eléctrico. Grazas a este proxecto, instaláronse 128 puntos de luz”.

Obras de comunidades veciñais en Alfoz e Xove

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou as catro primeiras contas xustificativas de obras do Plan de Comunidades Veciñais deste 2012. Trátase de proxectos por un valor total de case 41.000 euros, acometidos por asociacións dos Concellos de Alfoz e Xove.

En concreto, trátase das seguintes actuacións:

Accesos á parroquia de Adelán e conexión coa rede de auga, por valor de 7.965 euros, en Alfoz.

Mellora de accesos en A Seara, Pereiro e Lagoa, por 9.000 euros, en Alfoz.

Acondicionamento de accesos en Portodereito, Cotoseco e Sesín, por 12.000 euros, tamén en Alfoz.

E reparación no núcleo de Sumoas, por 11.999,89 euros, en Xove.

A través do Plan de Comunidades Veciñais, a Deputación concedeu este ano axudas a un total de 233 entidades asociativas dos 67 Concellos da provincia, por un valor global de 2 millóns de euros. “Cremos que este plan é un instrumento fundamental para contribuír a fixar poboación no rural da nosa provincia mellorando as condicións de vida e de traballo das súas xentes”, asegurou García Porto, engandindo que con este programa de axudas, “unha das nosas ferramentas básicas para cooperar cos Concellos, levamos a cabo obras pequenas, pero cunha profunda relevancia social e que, nin as asociacións veciñais, nin as propias entidades locais, poderían acometer por si mesmas”.