Deputación de Lugo

A Mariña, a Montaña e a Ribeira Sacra reciben ós viaxeiros de Km0 desta semana

Máis de 170 persoas percorrerán Lugo esta semana, achegándose a descubrir as riquezas naturais e patrimoniais da provincia e dinamizando o turismo tras a tempada de veránIntegrantes de Aspnais e membros das Asociacións Veciñais de Trasbar de Cervo e Sta. Eulalia de Lousada de Guntín, así coma un grupo de viaxeiros individuais participarán nas viaxes programadas ata o sábado

Esta semana, o programa Km0 levará a centos de participantes a descubrir diferentes puntos da xeografía lucense. Entre hoxe e o sábado, ducias de viaxeiros chegarán ata Mariña, a Montaña e a Ribeira Sacra, descubrindo algunha das moitas riquezas naturais e patrimoniais que ofrece a provincia, tal e como milleiros de participantes veñen facendo ano tras ano dende os comezos de Km0.

A visita de 49 membros de Aspnais ó Concello mariñano de Ribadeo permitiralles coñecer Illa Pancha, así como percorrer as rúas do casco histórico da localidade. Esta será a primeira ruta dunha semana na que a Mariña é un dos destinos programados, xunto coa Ribeira Sacra e a zona da Montaña lucense. O mércores é o día escollido por 48 membros da Asociación de Veciños de Trasbar, de Cervo, para achegarse a coñecer as paisaxes de viñedos e adegas coas que se pode gozar na ruta combinada en barco e tren polo río Sil, unha das novidades desta 5ª tempada de Km0. As visitas da semana regresan á Mariña o xoves, cando un grupo de 55 integrantes da Asociación Veciñal de Santa Eulalia de Lousada, de Guntín, se desprace ata outra das senlleiras illas da costa mariñana, a da Coelleira. Este itinerario tamén os levará a visitar o porto do Vicedo e ó mirador do Semáforo. Finalmente, o sábado e dentro da modalidade Km0 Fin de Semana, 24 persoas que se anotaron de xeito individual descubrirán un dos moitos segredos que garda a Montaña, o túnel de Romeor no Caurel, xornada que rematará coa visita ó castro da Torre e ó de Seceda.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en http://www.deputacionlugo.org/ onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico http://www.losproductosdelugo.com/ da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.