Deputación de Lugo

As mulleres rurais de Negueira estrean a 5ª tempada de Km0 cunha nova ruta en tren e catamarán que potencia a Ribeira Sacra

María Elena González Freijoo é a participante número 40.000 do proxecto medioambiental da Deputación, que xerou un volume de negocio de 500.000 euros e contribúe a manter uns 300 empregos directos na Zona Sur O Presidente, que agasallará á veciña de Negueira cun libro de Km0, destacou que o novo percorrido volve a responder á promoción dos recursos de forma conxunta A Ribeira Sacra, con uns 12.000 participantes, figura no ranking das comarcas máis visitadas de Km0, sendo Sober e Monforte os municipios máis beneficiados

O programa Km0 está este martes de dobre estrea: por un lado, arranca a 5ª tempada do proxecto, co que a Deputación fai do medio ambiente unha oportunidade económica, e por outro, comeza unha nova ruta pola Ribeira Sacra, que potenciará a zona ó combinar itinerarios en tren turístico e catamarán polos viñedos e adegas, con itinerarios en bus polas igrexas románicas. As protagonistas desta dobre estrea son as socias do colectivo de Mulleres Rurais San Salvador de Negueira de Muñiz, pois o primeiro grupo da 5ª tempada de Km0 está formado por 48 integrantes desta asociación, que, ademais, é protagonista por un terceiro motivo: a súa presidenta, María Elena González Freijoo, é a participante número 40.000 no Km0. Como agasallo conmemorativo, esta veciña de Negueira, unha vixiante de incendios forestais que preside a agrupación dende que se fundou hai 16 anos, recibirá esta tarde no embarcadoiro de Doade de mans do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, o libro con todas as rutas de Km0 editado polo organismo provincial.

Gómez Besteiro, que manterá no núcleo soberino un encontro cos primeiros participantes da 5ª tempada do programa, destacou o impacto económico que Km0 ten para a provincia, confirmándose como “todo un revulsivo para o tecido empresarial e o emprego de Lugo”, segundo constatan os datos froito dun exhaustivo balance realizado por persoal da Deputación. Segundo este informe, o proxecto, que financia nun 70% a Unión Europea, xerou un volume de negocio de 1,5 millóns de euros na provincia dende a súa posta en marcha en 2008 e contribúe a manter preto de 1.400 empregos directos en 250 empresas, todas PEMES e autónomos, de sectores estratéxicos para a provincia, como a hostalería, comercio, artesanía e turismo. Na Ribeira Sacra, subliñou o Presidente, Km0 xerou uns 500.000 euros de volume de negocio e contribúe a manter uns 300 empregos directos.

O mandatario provincial explicou así mesmo que o novo percorrido pola Zona Sur volver a responder á aposta do organismo lugués por “promocionar de maneira conxunta todos os recursos da comarca: a cultura do viño, coas súas viñas e adegas; os produtos autóctonos; o patrimonio monumental co románico como referente; os canóns do Sil, a olería de Gundivós, o termalismo, o Camiño do Inverno...”

O itinerario que se estrea hoxe contribuirá a potenciar as visitas á comarca, que xa figura no ránking das máis visitadas de Km0. De feito, dende a súa posta en marcha, a Zona Sur recibiu uns 12.000 visitantes (o 30% do total), sendo Sober e Monforte os concellos máis beneficiados.

Viñedos e románico

A ruta combina senllos itinerarios en tren turístico e catamarán, que discorren por viñedos e ducias de adegas situadas nas ribeiras do Sil entre os lugares de Doade e Chanteiro, cun percorrido en bus polas igrexas románicas, como as de Lobios, Pinol ou Proendos. O atractivo que xa de por si ten esta ruta acentúase nesta época do ano porque os adegueiros están comezando a recollela uva, polo que os participantes poderán ver en directo estes traballos, a coñecida viticultura heroica, da que a Denominación de Orixe Ribeira Sacra é o máximo expoñente en España e estase convertendo nun referente a nivel mundial. Ademais das Mulleres Rurais de Negueira, neste mes de setembro farán esta mesma ruta outros 4 colectivos: a Asociación San Pedro Fiz da Cazolga, de Lourenzá; a delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro (AECC); e o colectivo Xuntos de Ribadeo.

7.200 persoas en lista de espera

A 5ª tempada de Km0 arranca este martes con 7.200 persoas en lista de espera, o que pon de relevo o tirón que segue tendo entre os veciños da provincia esta iniciativa da Deputación, que incorporou o pasado mes de xullo unha nova modalidade, o Km0 Fin de Semana, co que a Deputación responde á demanda que lle fixeron os propios empresarios, e co que pretende chegar a máis xente para que máis empresas se beneficien dos seus efectos durante máis tempo. Tamén está en marcha o Km0 en inglés, isto é , o mesmo programa de rutas, pero con guías neste idioma, especialmente dirixido para persoas que queiran practicar o inglés.

Ademais da ruta de hoxe, nesta primeira semana de setembro haberá outras tres. Deste xeito, mañá mércores 49 integrantes da Asociación San Pedro Fiz da Cazolga de Lourenzá gozarán da nova ruta en tren turístico, catamarán e bus pola Ribeira Sacra; e o xoves, 55 persoas do centro social María Balteira de Lugo viaxará á Mariña para visitar a fábrica de Sargadelos e o Real Padroado, o Paseo dos Namorados e a vila de San Cibrao. Por último, o sábado, e dentro da programación de Km0 Fin de Semana, 24 membros da asociación veciñal de Fazouro, en Foz, cubrirán un treito da ruta de sendeirismo pola Devesa da Rogueira e achegaran se ó Castro da Torre e á aldea de Seceda, todo no Concello do Courel.

Como anotarse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.