Deputación de Lugo

Lugoteando reuniu esta fin de semana a preto de 500 participantes nas actividades organizadas nas augas do Miño

Xentes de todas as idades desfrutaron coas bolas acuáticas, o paddle surf, os xogos infantís acuáticos e os paseos en canoa e batuxo, dispostos na lucense área recreativa dos RoblesEsta era a derradeira parada da programación de Lugoteando, que viña de colleitar un gran éxito de convocatoria nas localidades de Monforte, Vilalba, Fonsagrada, Viveiro e FozMáis de 1.000 persoas, case tantas coma nas dúas edicións anteriores xuntas, tomaron parte nesta iniciativa coa que a Deputación potencia o medioambiente como oportunidade económica para a provincia

Lugoteando pechou a súa programación confirmando un ano máis o seu poder de convocatoria. Preto de 500 persoas pasaron a fin de semana desfrutando das augas do río Miño ó seu paso pola área recreativa dos Robles, grazas ás numerosas actividades que a Deputación puxo en marcha con este programa, cofinanciado ó 70% por fondos europeos FEDER a través do proxecto Lug02, co que o organismo lugués potencia “o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia, aproveitando e poñendo en valor os grandes recursos fluviais e litorais da provincia”.

Esta iniciativa de ocio medioambiental impulsada pola Deputación ofrece actividades lúdicas diferentes e aptas para todas as idades. Dende o pasado día 6 ata o pasado domingo foi posible ver a familias ó completo, avós acompañados polos seus netos ou grupos de amigos de todas as idades, que aproveitaron as boas temperaturas para pasar un tempo de lecer diferente, o que ofrece mostra das oportunidades de ocio e de desenvolvemento económico que a riqueza natural da provincia pode ofrecer. Actividades coma as bolas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; paddle surf, actividade consistente en remar a bordo de táboas de surf; xogos infantís acuáticos, e paseos en canoa e en batuxo –antigas barcas de madeira- tiveron unha grande aceptación entre os participantes.

Máis de 1.000 participantes

Os 500 participantes nesta derradeira convocatoria de Lugoteando do ano, súmanse os que participaron nas celebradas nas localidades de Monforte, Vilalba, Fonsagrada, Viveiro e Foz, elevando a cifra ata as máis de 1.000 persoas que se sumaron á aposta que fai a institución provincial polo medioambiente e o turismo como oportunidades únicas para xerar riqueza. O feito de que este ano o programa se estendera a toda a provincia e se prolongara durante tres meses, fixo que foran moitas máis as persoas que poideron anotarse para participar nestas actividades de lecer ecolóxico totalmente gratuítas.

Malia que nun principio se dispuxo unha cota de 100 participantes por día, o feito de que centos de interesados se achegaran ata as ribeiras do Miño tentando acadar algunha praza dispoñible, obrigou á organización a facer o esforzo de ampliar dita cota nunhas 50 prazas máis por día. Xentes procedentes de diferentes puntos das provincias de Coruña, Ourense e mesmo de Pontevedra sumáronse a outros procedentes de toda a provincia de Lugo e atoparon un xeito diferente de ocio en Lugo, a onde tamén acudiron lucenses que xa tomaran parte días pasados nas actividades da Mariña, zona sur e Montaña, e que non quixeron perder a oportunidade de participar de novo.

O éxito foi tal que ducias de persoas, xa durante a fin de semana, manifestaron o seu interese por saber se o ano que vén se repetirá esta iniciativa e se xa era posible reservar praza.