Deputación de Lugo

'Fronte ós recortes educativos de Feijóo e Rajoy', a Deputación abre o prazo de solicitude de 70 bolsas de emprego en Europa

Dende o martes e ata o 2 de outubro, mozos lucenses universitarios ou con FP poden optar a estas becas para traballar 3 meses en empresas europeas cos gastos cubertosA institución situará este mes 81 sinais nos Concellos de Terras do Miño e Os Ancares, en vías de acceso e puntos de riqueza natural na zona, potenciando as Reservas da BiosferaGarcía Porto advirte que “o Partido Popular leva anos matando á provincia e vaina enterrar se non ofrece solución algunha ás 5.000 familias que dependen da actividade de Alcoa”

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, anunciou hoxe que “fronte ós recortes educativos de Feijóo e Rajoy, que conseguiron que estudar en Lugo nunca fose tan caro, que no 50% dos colexios do rural lugués haxa alumnos de idades moi dispares nas mesmas clases, que a provincia conte con 200 profesores menos ou que os centros educativos teñan menos cartos que no 2009 para o seu mantemento, a Deputación abre o vindeiro martes e ata o 2 de outubro o prazo de solicitude de 70 bolsas de emprego en Europa para mozos lucenses no paro”. Son as becas Leonardo da Vinci que acadou a Deputación, converténdose na institución provincial de Galicia que máis fondos recibiu para bolsas de emprego europeas, ó estar dotadas con 309.000 euros, cofinanciados nun 70% pola Unión Europea, é dicir, en 210.000 euros, en nun 30% polo organismo provincial. Isto fai posible que o organismo lugués asuma os principais custes desta iniciativa, facendo que os gastos dos seus beneficiados sexan, practicamente, cero. García Porto explicou estas becas distribúense en dúas programacións: Lugojob con 50 becas e Ticlugo, con 20 becas.

Precisamente, na Xunta de Goberno deste venres, aprobáronse as bases das bolsas de emprego Lugojob, acordando que estas 50 becas sexan para lucenses menores de 35 anos, con formación universitaria relacionada cos seguintes sectores: agricultura, sivicultura, pesca, protección do medioambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Lugojob ofrécelles prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda durante 3 meses. Non obstante, a estancia en ditos países será de 3 meses e medio porque durante as primeiras dúas semanas os participantes realizarán un curso de perfeccionamiento do idioma.

Pola súa banda, a Fundación TIC, como organismo provincial especializado no desenvolvemento das tecnoloxías da Información e da Comunicación, xestiona as 20 becas da programación que inclúe o Ticlugo, e para as que tamén hai bases acordadas, neste caso, polo Padroado da TIC, xa que son bolsas de emprego para lucenses menores de 30 anos, que nos últimos tres anos, remataron os seus estudos na Escola de Imaxe e Son da TIC. “Por certo, un centro que mantén a matrícula gratis dende que está este Goberno Provincial mentres que co PP custaba 3.000 euros, promovendo unha educación para ricos”, destacou a vicevoceira. Ticlugo ofrécelles prácticas en empresas de Portugal (Lisboa), Italia (Módena) e Irlanda (Belfast) durante 2 meses e medio. A estancia nestes países será de 3 meses xa que durante as dúas primeiras semanas os participantes tamén realizarán un curso de idioma.

Cero custes

Os beneficiarios das 70 becas contarán cun titor, que fará un seguimento continuo e personalizado durante todo o proceso. A Deputación asumirá os principais custes, é dicir, dende as viaxes de ida e volta, ós desprazamentos locais, aloxamento, preparación lingüística e ata os titores, ademais de conceder unha axuda económica, para maiores gastos, de 450 euros en total.

Prazos e documentación

O luns, tanto as bases da programación Lugojob como a de Ticlugo, publicaranse no Boletín Oficial da Provincia. A maiores, tamén poderán consultarse na páxina web da Deputación –www.deputacionlugo.org- e na da Fundación TIC –www.fundaciontic.org-, así como nos Taboleiros de Anuncios da Deputación e da Fundación TIC. Ó día seguinte, martes 18, abrirase o prazo de solicitude ata o 2 de octubre inclusive. Durante este tempo, os interesados deberán entregar a seguinte documentación: fotocopia do DNI, certificado ou volante actualizado de empadroamento nalgún dos Concellos da provincia, fotocopia do título académico, currículum, certificado actualizado de períodos de inscrición como demandante de emprego, un escrito indicando a adecuación do título académico ós sectores ós que se dirixen as bolsas, e unha declaración responsable de non ser anterior beneficiarios dunha axuda Leonardo Da Vinci.

No caso de estar interesado nas becas Lugojob, hai que entregar esta documentación no Rexistro da Deputación de Lugo, en horario de 9:00 horas ás 14:00 horas, de luns a sábado. Pola súa banda, os aspirantes ás bolsas Ticlugo, terán que facelo na secretaria da Escola de Imaxe e Son, na rúa Frei Plácido Lemos da capital, en horario de 8:30 horas ás 15:00 horas, de luns a venres.

Pilar García remarcou que “con estas 70 becas queremos formar ós nosos rapaces en prestixiosas empresas de Europa para contribuír a súa inserción laboral nesta provincia. É salientable o feito que de coas becas Lug02 conseguimos que o 50% dos seus participantes hoxe están a traballar na nosa provincia”.

Novo proxecto nas Reservas

A Xunta de Goberno tamén acordou a contratación do proxecto de sinalización das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucense, das que é xestora a Deputación de Lugo, por valor de 101.500 euros. Esta cantidade procede do convenio co Ministerio de Medioambiente, ratificado co anterior Goberno Central, dotado de 1 millón de euros, cofinanciados nun 66% por fondos estatais en nun 33% por fondos propios. Este proxecto consiste na colocación de 81 sinais, distribuidas polos 29 Concellos nos que se estenden as Reservas da Biosfera, “é dicir, sen facer distinción política algunha, priorizando o impulso deste espazos naturais para xerar riqueza na provincia mediante o medioambiente e potenciando o turismo a Lugo”, subliñou a vicevoceira.

Deste xeito, situaranse, como mínimo, dúas sinais -unha á entrada e outra á saída- nos municipios que integran as Reservas, que son, no caso de Terras do Miño, Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara; e no caso dos Ancares Lucenses, Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá, no caso dos Ancares Lucenses. Outras sinais afincaranse nas intersección das principais estradas que discorren pola zona, para elo, o organismo provincial xa conta cos permisos pertinentes das administracións responsables dos vías, ben sexa Estado, Xunta ou Concellos. As restantes ubicaranse nos lugares de maior riqueza natural como pode ser, por exemplo, o Complexo Húmido da Terra Cha.

García Porto avanzou que “contratadas estas actuacións e contando cos permisos imprescindibles, este mesmo mes comezaremos as obras, unha vez que a adxudicataria entregue a documentación legal pertinente. Continuamos, deste xeito, coa posta en valor dos recursos naturais e cos traballos para a renovación, no 2013, da declaración de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses como Reservas da Biosfera por parte da UNESCO.

“O PP vai enterrar á provincia”

Ó respecto da situación de Alcoa, a vicevoceira subliñou que “o PP leva anos matando a provincia e vaina enterrar se, dunha vez por todas, non ofrece solución algunha ás 5.000 familias que depende da actividade da factoría cervense. Os populares xa deron varios golpes mortais ós lucenses: puxeron fin ó concurso eólico, destruíndo os 7.000 empregos que esta iniciativa ía a xerar na provincia; recortaron servizos sanitarios, facendo que hoxe unha persoa que necesite tratamento de radioterapia non teñan esta prestación en Lugo; recortaron servizos educativo, agrupando ata seis cursos, con nenos de idades moi diferentes, nas mesma aulas; recortaron ata 200 profesores en Lugo; e obrigaron ós 120.000 pensionistas lucenses con pensións de 600 euros a repagar os seus medicamentos. O golpe final sería o peche de Alcoa que, de seguir con esta actitude, é o que vai a conseguir o Partido Popular, matando, finalmente, e enterrando a esta provincia que, durante case 4 anos, xa sufriu o continuo maltrato e abandono da Xunta de Feijóo”.