Deputación de Lugo

As actividades lúdico medioambientais de Lugoteando atraerán a 400 persoas ó Miño esta fin de semana

A área recreativa luguesa dos Robles acollerá do 6 ó 9 de setembro o programa, co que a Deputación potencia o ocio medioambiental como oportunidade económica da provinciaOs participantes gozarán de paseos con bolas acuáticas, scooters acuáticos, paddle surf, xogos infantís e paseos en canoa e batuxoO 80% das prazas dispoñibles xa están reservadas, podendo reservar unha das últimas chamando ó 982-12-00-64 ou 609-90-32-11, ou na web www.deputacionlugo.org

As actividades lúdico medioambientais do programa Lugoteando da Deputación deixarán sentir os seus efectos no río Miño ó seu paso por Lugo esta próxima fin de semana, pois grazas a esta iniciativa 400 persoas daranse cita entre os días 4 e 9 de setembro na área recreativa dos Robles. Tras celebrarse en Monforte, Vilalba, Viveiro, Foz e A Fonsagrada, o programa co que o organismo provincial potencia o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia chega á capital luguesa.

O río Miño acollerá unha ampla oferta de actividades, totalmente respectuosas co entorno, que poñerán fin á terceira edición desta iniciativa. Bolas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; xogos infantís acuáticos; e paseos en canoa e en batuxo –antigas barcas de madeira- son as actividades, que como en todos os casos están pensadas para todas as idades, e que terán lugar de 15:00 a 20:00 horas neste paraxe natural emblemático da cidade de Lugo.

As actividades acuáticas, que están limitadas a 100 persoas por día, poñerán o broche de ouro á terceira convocatoria do pioneiro programa da Deputación que aproveita os recursos medioambientais para xerar riqueza, e do que xa gozaron preto de 3.500 persoas dende a primeira edición, en 2010, que redescubriron ou coñeceron por primeira vez a riqueza fluvial e litoral da provincia.

Derradeiras prazas

O 80% das prazas para participar no Lugoteando no río Miño xa están ocupadas, podendo facerse cunha das 80 últimas dispoñibles chamando ós teléfonos 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. Esta última opción non garante que haxa prazas libres. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades nas que desexen participar.