Deputación de Lugo

Deputación e Universidade Internacional Menéndez Pelayo redescobren a figura do VII Conde de Lemos

Gómez Besteiro inaugura unhas xornadas centradas en Pedro Fernández de Castro, xunto ó Alcalde de Monforte, o director da Menéndez Pelayo en Galicia e a directora do cursoA institución provincial financia o 100% do encontro, que afondará ata o venres na vida deste galego universal, destacou o Presidente, que tivo como secretario persoal a Lope de Vega, foi amigo e axudador de Cervantes, e protector de Quevedo ou Góngora

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez Díaz; o Director da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas, e a Doutora en Historia e directora do Curso, Manuela Sáez, inauguraron este mércores no Parador de Turismo monfortino as xornadas “Política y Sociedad: El VII Conde de Lemos entre Nápoles y Monforte”, organizadas por esta Universidade co financiamento da Deputación, e que supoñen unha oportunidade única para achegarse a este personaxe dende os puntos de vista político e social, así como a outros aspectos históricos e artísticos da época.

Gómez Besteiro destacou na súa intervención acerca da vida activísima do VII Conde de Lemos, por desgraza ben curta, tendo en conta que morreu aos 46 anos, ce que se centra nun longo eixe xeográfico que vai de Nápoles a Monforte -tal como recolle o título deste encontro- pasando por Madrid, “deixou unha notable pegada de entrega á política activa e á cultura”, iso sen esquecer o papel destacado que ten Pedro Fernández de Castro na cultura galega, española e universal, pois foi o mecenas de moitos dos máis destacados escritores do Século de Ouro da literatura española. Tivo, por exemplo, de secretario persoal ao gran Lope de Vega, foi tamén amigo e axudador de Miguel de Cervantes, quen en gratitude lle dedicou moitas das súas obras (mesmo a segunda parte do Quijote), e actuo coma protector de autores pertencentes ás opostas correntes do conceptismo e do culteranismo, como foi o caso, entre outros, de Quevedo ou Góngora.

O mandatario provincial incidiu en que as xornadas da Universidade Menéndez Pelayo, que financia ó 100% a Deputación, servirán para redescubrir a figura “deste galego universal: estadista, diplomático, intelectual e mecenas, que con 32 anos chegou a ser Virrei de Nápoles, onde, entre tantos outros logros, levantou a Universidade e puxo en marcha as Escolas Públicas”. Unha figura que xa mereceu un recoñecemento por parte de historiadores coma “Manuel Murguía, quen deixou un retrato clave de quen puxo a súa pluma, a súa influencia, as súas riquezas ó servizo do país galego e de quen sentiu as desgrazas de Galicia coma ningún outro”, tal e coma lembrou Gómez Besteiro.

Defensa de Galicia

Ó respecto da súa preocupación en defensa da representatividade e dereitos do vello Reino de Galicia, subliñou o Presidente que Fernández de Castro, quen escribiu unha obra certamente orixinal e pioneira titulada “El Búho gallego haciendo cortes con las demás aves de España”, na que fai un apaixonado alegato en defensa dos dereitos de Galicia con respecto ó resto dos reinos da Coroa española, así como da teimuda reivindicación do Reino Galego para que lograra ter voz e voto en Cortes.

Neste senso, Besteiro destacou que “esta defensa de Galicia, do noso, de reivindicar o que eu considero o “galeguismo integrador” que nos une a todos para ocupar o lugar que o noso país merece, está de máxima actualidade, a pesar do tempo que nos separa de Don Pedro Fernández de Castro”.

Tres días de actividades

Recoñecidos expertos en Artes Plásticas, Literatura e Música, procedentes das universidades de Valladolid, Girona, Barcelona, Madrid ou Nápoles, entre outras, compartirán durante tres días cos asistentes ó curso da Menéndez Pelayo os seus coñecementos acerca da figura do VII Conde de Lemos e a importancia que tivo para a historia de Galicia e España, así como o valor que tivo Monforte de Lemos no pasado e que hoxe está a recuperar.

As actividades deron comezo hoxe ás 10:00 horas e continuarán ata as 11:00 deste venres, 14 de setembro, en horario de mañá e tarde. O alumnado das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo teñen recoñecidas como créditos de libre configuración as 20 horas de carga lectiva destas xornadas.