Deputación de Lugo

A Deputación atrae a un centenar de persoas a Viveiro co programa de ocio medioambiental Lugoteando

Os participantes gozaron no contorno do Club Náutico vivariense de paseos en bolas e bananas acuáticas, paddle surf, scooters acuáticos, segway e skates eléctricos As actividades coas que o organismo provincial potencia o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia continúan mañá na Mariña, cunha xornada na praia focense da Rapadoira, na que están inscritas outras cen persoas de tódalas idades

A Deputación de Lugo atraeu este sábado a Viveiro a un centenar de persoas de tódalas idades con Lugoteando, o programa co que o organismo lugués potencia o ocio medioambiental como alternativa económica da provincia. As boas condicións meteorolóxicas animaron unha xornada na que os participantes nesta iniciativa de lecer ecolóxico puideron gozar no contorno do Club Náutico vivariense de divertidos paseos en bolas e bananas acuáticas, paddle surf, scooters acuáticos, segway e skates eléctricos.

As actividades continuarán mañá domingo na comarca mariñana cunha xornada na praia da Rapadoira, en Foz, na que están inscritas outras cen persoas de entre 7 e 60 anos. Neste caso, terán a oportunidade de practicar surf, kite surf e paddle surf, así como dar paseos en bolas e bananas acuáticas, scooters acuáticos, skates eléctricos e long board. Como no caso de Viveiro, o horario será de 15:00 a 20:00 horas.

A Deputación decidiu ampliar este ano, na súa terceira edición, o programa Lugoteando, tanto en número de concellos, como na duración, para que máis familias e xente nova poidan gozar das súas propostas e seguir potenciando o turismo, un sector que representa o 30% do PIB lucense. Deste xeito, a iniciativa inclúe esta vez actividades en seis localidades da provincia –Monforte, Vilalba (onde xa se celebraron), Viveiro, Foz, A Fonsagrada e Lugo- e prolónganse durante tres meses, de xullo a setembro, fronte os dous das últimas edicións.

Como inscribirse
A inscrición pode facerse chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. Esta última opción non garante que haxa prazas libres. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades nas que desexen participar.