Deputación de Lugo

O CENTRAD remata os obradoiros infantís de verán coa entrega de diplomas ós 90 nenos que participaron na quenda de agosto

A Deputada de Deseño e Artesanía fixo entrega dos diplomas ós nenos de 5 a 16 anos que tomaron parte nos cursos de xoiería, monicreques, pintura, cestaría, coiro e grafitti Xa son preto de 300 nenos os que levan participado dende o inicio destas actividades artesanais gratuítas organizadas pola Deputación para os períodos de lecer escolar

Regina Polín entregou hoxe os diplomas que acreditan a condición de “pequenos artesáns” ós 90 rapaces que participaron durante o mes de agosto nos obradoiros infantís organizados polo CENTRAD, e que suman ós outros 90 que xa o fixeron no pasado xullo.

Durante cinco días, estes nenos de entre 5 e 16 anos descubriron algo máis sobre a actividade do Centro grazas a esta iniciativa gratuíta, que nesta ocasión tivo coma novidades a ampliación da idade de admisión, programando obradoiros para rapaces de ata 16 anos; e novas temáticas dos cursos: ademais de técnicas propias de oficios tradicionais, sumáronse as doutras disciplinas artísticas máis modernas, coma é o caso do grafitti.

“No Centro estamos encantados de que estes rapaces teñan gozado dun ocio diferente, compartíndo tempo con outros rapaces da súa idade e coñecendo un pouco máis da tradición artesanal e de como esta non é incompatible coa modernidade”, subliñou Polín. Nestes cursos, os rapaces tiveron a oportunidade de aprender a facer xoias e outros obxectos con arxila; aprender diferentes técnicas de pintura; descubrir as posibilidades da pintura en spray sobre paneis de DM; confeccionar monicreques con materiais de refugallo; empregar papel de periódico ou roupa vella para elaborar cestos e tapices e crear as súas propias pulseiras ou carteiras con coiro.

Preto de 300 “pequenos artesáns”

Con estes 180 nenos que participaron nesta terceira edición dos obradoiros gratuítos, tras os celebrados no pasado Nadal e durante a Semana Santa, xa son preto de 300 nenos de toda a provincia os que obtiveron o seu diploma de “pequeno artesán”, acreditación que se lles entrega nun acto que conta sempre con numerosa asistencia por parte das familias dos cativos. Como vén sendo habitual en todas as edicións, as prazas dispoñibles esgotáronse ás poucas horas de aberto o prazo, polo que é previsible que esta iniciativa teña continuidade.