Deputación de Lugo

Alumnos do curso de Produción de Hortalizas Ecolóxicas do Pacto polo Emprego coñecen de primeira man o Consello Regulador

Imaxe deputación de lugo
Foi durante a visita que realizaron este luns ás instalacións do CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica) acompañados pola Deputada de Medio Ambiente e Enerxías RenovablesA produción ecolóxica facturou preto de 22 millóns de euros o pasado ano e supón unha oportunidade económica de primeiro nivel para crear postos de traballo e fixar poboación no ruralA visita ó órgano de control e certificación da produción ecolóxica en Galicia forma parte do programa deste curso do Pacto Provincial polo Emprego no que participan 13 parados lucenses

Sonsoles López Izquierdo acompañou esta mañá ós 13 alumnos inscritos no curso de “Produtor de Hortalizas ecolóxicas”, que forma parte da programación do Pacto Provincial polo Emprego, posto en marcha pola Deputación de Lugo para abrir novas oportunidades de inserción laboral ós lucenses no paro, á visita que realizaron á sede do CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica), situada en Monforte de Lemos.

A Deputada de Medio Ambiente compartiu cos alumnos as súas impresións sobre diferentes aspectos do curso, así coma outros relativos á agricultura ecolóxica. López Izquierdo destacou que “é unha necesidade imperiosa crear postos de traballo, especialmente no rural, para evitar o despoboamento demográfico que sufre a nosa provincia; é urxente atopar novas vías de negocio”. Entre estas novas oportunidades, xunto co potencial de traballo que ofrecen os servizos medioambientais, o turismo cultural e gastronómico ou os obradoiros de artesanía, por citar só algunhas, destaca especialmente a agricultura ecolóxica.

“Os datos poñen de manifesto que a agricultura ecolóxica require un maior volume de traballo, polo que xera emprego nas zonas rurais. Baste sinalar que das máis de 14.000 hectáreas inscritas en Galicia, máis de 12.000 están repartidas entre as provincias de Lugo e Ourense, as máis despoboadas, e que o sector vén de facturar preto de 22 millóns de euros en Galicia durante o 2011”, destacou a Deputada de Medio Ambiente. Máis concretamente, das 72 hectáreas adicadas ó cultivo de hortalizas, preto de 18 delas están ubicadas na provincia de Lugo.

Vantaxes da produción ecolóxica

Os produtos ecolóxicos ofrecen múltiples beneficios non só para os consumidores, senón tamén para o medioambiente e a contorna. Son alimentos saudables e con todas as propiedades nutritivas intactas ó non empregar sustancias químicas coma pesticidas ou fertilizantes; conservan todo o seu sabor e o seu consumo é totalmente seguro: ademais dos controis oficiais ós que están sometidos, son obxecto dunha certificación adicional que garante a autenticidade da súa orixe ecolóxica. Entidades de certificación autorizadas e supervisadas polas administracións, inspeccionan anualmente todas as explotacións e industrias agroalimentarias ecolóxicas.

Non só iso: a produción ecolóxica ten unha importancia fundamental para o medio ambiente pola súa produción sostible, o feito de que eviten a contaminación e favorezan a biodiversidade contribúen ó desenvolvemento das zonas rurais.

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica

O CRAEGA é o órgano encargado do control e certificación das producións ecolóxicas en Galicia. Esta certificación legal autentifica a procedencia dos produtos ecolóxicos, recoñecendo internacionalmente o cumprimento de todos os requisitos esixidos durante todo o proceso produtivo, coa autorización das comunidades autónomas.

Para acadar dita certificación, o produtor ten que enviar a documentación requirida ó CRAEGA, tras o que este organismo verifica que sexa correcta facendo unha inspección de control e elaborando un informe que posteriormente se envía ó Comité de Certificación, órgano encargado de formalizar a inscrición nos correspondentes rexistros do Consello Regulador.