Deputación de Lugo

Deputación, Asociación Fiadeira e hostaleiros organizan o sábado en Antas a I Foliada para impulsar economía e tradición

Colectivos musicais de Lugo, A Coruña e Pontevedra amenizarán as rúas e os catro establecementos desta localidade que quixeron sumarse á iniciativa co fin de potenciar os seus negociosA praza Nova acollerá polo menos dende ás 16:00 e ata as 03:00 horas talleres gratis de reciclaxe, xogos tradicionais, percusión e baile, unha mostra artesanal, actuacións musicais e unha queimadaA Deputación organizará un desfile de traxes rexionais feitos polo CENTRAD, visionará o DVD da Fundación TIC sobre Fiadeira, colectivo que porá á venda o CD musical tamén gravado pola TIC

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e a Presidenta da Asociación Fiadeira de Antas de Ulla, Patricia Coucheiro, presentaron este xoves no Salón de Actos do Pazo provincial a I Foliada de Seone, que acollerá dita localidade da Ulloa este vindeiro sábado, 10 de novembro. Trátase dun evento que busca dinamizar a economía desta Comarca, así como poñer en valor a súa tradición musical e artesanal, mediante exposicións, espectáculos e obradoiros gratuítos, dirixidos a persoas de todas as idades, que amenizarán as rúas de Antas durante todo o día. García Porto felicitou a Fiadeira por “involucrar a tantos actores nesta iniciativa coa que buscamos impulsar a tradición cultural e musical da Ulloa, así como potenciar a súa economía”.

Coucheiro avanzou que a xornada arrincará ás 16:00 horas na praza Nova coa presentación dos actos e a apertura dunha mostra artesanal. Contará con preto dunha decena de expositores con pezas doutros tantos profesionais da Ulloa e A Coruña á venda -complementos de madeira, pedra, coiro; instrumentos musicais ou xogos tradicionais-. Tamén haberá un “stand” do Grupo de Teatro de Antas de Ulla, no que se poderá ver os artigos que este colectivo preparou para as súas pezas teatrais durante os seus 20 anos de historia. Outro dos expositores será o de Fiadeira, no que se proxectará o DVD que a Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, elaborou con motivo do 15º aniversario deste colectivo, un traballo que recolle a súa múltiple actividade. Asimesmo, tamén neste último espazo, porase adquirir o CD “Viva quen canta conmigo”, con temas de Fiadeira, gravado pola TIC dentro de “Son Lugueses”, o proxecto que potencia ós grupos musicais lugueses.

Talleres gratuítos e desfile de traxes tradicionais

Á mesma hora e no mesmo lugar, arrincará o primeiro taller gratuíto, o de reciclaxe, no que se elaborarán pezas con material de refugallo. Ás 17:00 horas, seguiralle o obradoiro de elaboración de xogos tradicionais. A continuación, ás 18:00 horas, terá lugar un desfile de traxes tradicionais, cedidos para a ocasión polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Son 12 vestimentas, na súa maioría de “faena”, elaboradas con pano, e unha de “domingo”, que inclúe pedrería. Poñerán fin ós talleres, as clases de percusión e baile, impartidas polos mestres da Asociación organizadora -Míriam Luaces e Miguel Varela- a partires das 18:30 horas.

Música nas rúas e nos establecementos

Seis colectivos de Lugo, A Coruña e Pontevedra amenizarán as rúas e os establecementos hostaleiros de Antas dende ás 19:30 horas. Sairán de diferentes puntos da localidade e entrarán en bares, tabernas e restaurantes, que colaboran con este evento co fin de potenciar os seus negocios. As asociacións que participan nesta iniciativa son: Fiadeira de Antas de Ulla, Falcatrueiros de Monterroso, Varacuncas de Rodeiro, Eiquí de Taboada, Vaiche Boa de Melide e A Tropa da Coruña. Pola súa banda, os locais que se sumaron a este proxecto son: Cafetería Álex, Bar Praza, Bar Plantas e Bar Ulloa. A Asociación de fútbol de Antas agasallará ós colectivos musicais cunha cea privada ás 22:00 horas na praza Nova. Rematado o convite, a sesión aberta ó público continuará a partires das 24:00 horas no mesmo escenario. Haberá queimada de balde e actuacións de ditos seis colectivos ata ás 03:00 horas. Logo, a Foliada poderá continuar con actuación dos propios visitantes que así o desexen.