Deputación de Lugo

A 3ª Feira Outlet ofrece centos de produtos de calidade con importantes descontos de ata o 90%

Gómez Besteiro e López Orozco inaugurou o certame, que permanecerá aberto ata o luns na praza Anxo Fernández Gómez, na mesma carpa onde se celebrou Artesanfroilán O Presidente destacou que “a Deputación quere impulsar o sector nestes tempos difíciles”, nos que máis de 400 comercios da capital tiveron que pechar, e afrontan un incremento nos gastos fixos de 1.100 euros de media pola suba do IVE31 negocios venderán zapatería, textil, xoiería, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos e agasallos, atraídos polos preto de 100.000 euros de volume de negocio acadado en anteriores edicións

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este sábado a terceira edición da Feira Outlet de Lugo, a iniciativa da Asociación de Autónomas que un ano máis Deputación e Concello apoiaron para que os negocios da capital poidan poñer á venda os seus produtos de stocks a prezos realmente competitivos, con descontos que varían dende o 50% ó 90% . O interese da feira motivou que este ano sexan máis negocios os que participan no evento e que foran ducias as solicitudes dos comercios lucenses para estar presentes nunha carpa que comeza a quedarse pequena.

No acto, que contou coa presenza do Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía do Concello de Lugo, Sonia Méndez, a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e a Presidenta da Asociación de Autónomas, Nora Real, Gómez Besteiro quixo deixar patente o apoio ó sector que mantén o organismo provincial, “nuns tempo de grandes dificultades para os negocios, non só da capital, senón de toda a provincia. O importante é que nos volquemos todos con iniciativas coma esta, a Gala Lvcvs Moda ou o Street Market, iniciativas que buscan solucións, ter a capacidade de non rendirnos a pesar dos tempos difíciles. O comercio é o que lle dá a vida a esta provincia, polo que se lle vai mal ó comercio, vaille mal á provincia”. Nos últimos anos pecharon as súas portas máis de 400 negocios soamente na capital da provincia, e medidas como a suba do IVE ou o aumento do IRPF van supoñer un gasto adicional de 1.100 euros de media a cada autónomo.

O Presidente considerou así mesmo importante que a feira Outlet se vaia consolidando no calendario de citas comeciais da cidade, “que a xente se vaia acostumando a que despois da feira Artesanfroilán, vén a Outlet”, para incrementar visitantes e beneficios.

Pola súa banda, López Orozco salientou que, ante as dificultades actuais, “hai dúas opcións, ou lamentarnos todos xuntos, ou emprender iniciativas coma esta, que axudan a poñer unha solución entre todos”. O rexedor, ó igual que o Presidente da Deputación, garantiu a continuidade deste evento o ano que vén, unha edición que, avanzou, durará un día máis. “Vade preparando o ano que vén. Ánimo, sorte e moito éxito”, concluíu.

A Presidenta da Asociación de Autónomas, pola súa banda, agradeceu o apoio de Deputación e Concello de Lugo, así como a resposta do público, para paliar “el mal momento que está viviendo el pequeño comercio”.

Centos de produtos con importantes descontos

Un total de 31 comercios de Lugo estarán nesta Feira Outlet, malia que as solicitudes foron moitas máis. Poñerán á venda centos de variados produtos procedentes de stock con descontos de entre o 50% e o 90%. Zapatería, textil, xoieiría, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar, moitas delas de destacadas marcas internacionais.

O importante volume de negocio acadado nas anteriores convocatorias –preto de 100.000 euros- fixo que este ano sexan moitos máis os negocios participantes.

A 3ª Feira Outlet vén precedida do éxito colleitado na última das iniciativas de este tipo que a asociación de comerciantes puxo en marcha co respaldo de Deputación e Concello, o Street Market, xornada durante a que os negocios da capital sacaron a súa mercancía ás rúas, animando o consumo entre veciños da cidade e visitantes, ou doutros eventos coma a Noite Aberta, que tamén contou co apoio da institución provincial e o Concello.

Días e horarios de apertura

A Feira Outlet estará aberta na carpa instalada na Praza Anxo Fernández Gómez, situada detrás da Casa do Concello lucense ata o vindeiro luns, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas, agás hoxe, que pechará ás 22:00 horas.