Deputación de Lugo

Preto do 20% dos traballadores da Deputación súmase á segunda folga xeral contra as políticas do Goberno Central

Esta porcentaxe representa a unhas 100 persoas, que prestan servizo nos órganos dependentes da institución provincial Todos os Deputados do PSdeG e BNG secundan a manifestación da capital, permanecendo á fronte do Executivo Gómez Besteiro, como máximo mandatario do organismo

Preto do 20% dos traballadores da Deputación secundaron este mércores a segunda folga xeral contra as políticas económicas que, sen consensuar coas Sindicatos, está a impoñer o Goberno Central do Partido Popular. Esta porcentaxe representa a unhas 100 persoas que prestan servizo nos órganos dependentes da institución provincial (Pazo de San Marcos, INLUDES, SUPLUSA e Fundación TIC).

Co fin de garantir o dereito a facer folga, así como as prestacións esenciais da institución, a Deputación acordou con todos os representantes das organizacións Sindicais (UXT, CC.OO, CIG e CIS-F), Xunta de Persoal e Comité de Empresa servizos mínimos do 4,8%, é dicir, uns 25 traballadores, que hoxe están á fronte dos servizos provinciais.

Polo que se refire ó Goberno Provincial, todos os Deputados doo PSdeG e BNG secundaron a folga, permanecendo á fronte do Executivo o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, como máximo mandatario do organismo lugués. Deste xeito, os Deputados participaron na manifestación que partiu ás 12:00 horas da Casa Sindical en Lugo, concretamente, da Ronda da Muralla 58.
Motivos para a folga
Os sindicatos subliñan dez razóns para sumarse a folga xeral de hoxe, a segunda en ano e medio do actual Goberno Central do Partido Popular: Educación, 3.000 millóns de recortes que significan menos becas e menos docentes; Sanidade, privatizacións e repagos; Dependencia, 256.000 dependentes que se quedaron sen axudas; reforma laboral, abaratamento do despido e máis facilidade para baixar soldos; desemprego, tixeiretazo ás prestacións cun 25% de paro; fiscalidade, unha longa listaxe de promesas incumpridas; intereses da débeda, o pago acadará en 2013 o seu nivel máis alto en 15 anos; cooperación, os recortes ameazan a súa desaparición; ciencia e investigación, unha das partidas máis damnificadas pola chegada do PP ó Executivo de España; cultura, desprotexida e tiritando.