Deputación de Lugo

A Deputación require á Xunta o pago dos 3,1 millóns de euros que lle adebeda este ano pola xestión dos hospitais

O organismo provincial remitiulle hoxe ó SERGAS unha comunicación oficial reclamándolle o abono, pois xa tiña que telo ingresado no primeiro trimestre do ano, e seguiu sen facelo despois de que Intervención llo solicitase en dúas ocasións, en maio e agosto “Esiximos á Xunta que cumpra co convenio que eles mesmos negociaron e firmaron para liquidar a débeda dos hospitais, e pague uns cartos que lle adebeda a tódolos lucenses. Non podemos consentir máis escusas de mal pagador”, subliñou a Deputada de Economía

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, informou de que na mañá deste martes a Deputación de Lugo remitiu ó Servizo Galego de Saúde (SERGAS), dependente da Xunta, unha comunicación oficial requiríndolle o abono dos 3,1 millóns de euros que, “inexplicablemente e sen ningún tipo de xustificación, ten pendente de pagarnos este ano en virtude do convenio de colaboración que temos asinado ambas administracións co obxectivo de liquidar a débeda que contraeu o organismo autonómico co provincial pola xestión dos hospitais de San José e San Rafael”, subliñou a Deputada.

Segundo recolle este acordo, que asinaron en xaneiro de 2011 Deputación e Consellería de Sanidade, o SERGAS está obrigado a ingresar as anualidades establecidas no convenio ó longo do primeiro trimestre do ano correspondente –polo xeral, veuno facendo a finais de marzo ou principios de abril- unha pauta que “inexplicablemente non cumpriu neste 2012, polo que a mediados do pasado mes de maio Intervención da Deputación púxose en contacto co SERGAS para interesarse polos motivos que provocaban o retraso no pago”, explicou García Porto. “Nesa conversación”, relatou a Deputada, “comunicáronlles que a anualidade deste 2012 non sería ingresada hasta que -tal e como recollía o convenio – lles fora presentada a liquidación definitiva da débeda, unha liquidación que calculamos en poucos días e que ascende a 646.809,23 euros a favor da Deputación. Esta cantidade hai que sumala ós 2,5 millóns de euros correspondentes á achega anual ordinaria que debe facernos o SERGAS”. Deste xeito, resultan os máis de 3,1 millón de euros pendentes de ingreso deste ano.

A delegada da área provincial de Economía explicou que as cifras da liquidación correspóndense con conceptos que no momento da firma do novo convenio entre a Deputación e a Consellería de Sanidade para poñer fin á débeda dos hospitais –asinado o 4 de xaneiro de 2011- non estaban cerrados ou se descoñecía a contía exacta, como, por exemplo, o custe das estancias dos doentes dende o ano 2010 ata o traslado; ou as facturas que tivo que pagar a Deputación por ter aberto os centros durante este mesmo período de tempo: gastos de mantemento por servizos de limpeza, calefacción ou alimentación, entre outros.

Con data de 27 de xuño ditouse resolución de Presidencia aprobando dita liquidación e o 5 de xullo foille notificada ó SERGAS polos condutos oficiais. “Dado que non había resposta, Intervención contactou de novo a finais de agosto coa dirección provincial do SERGAS e a resposta foi que tiñan orde de non pagarnos”, sinalou García Porto.

“Preocupación ante o silencio do Goberno galego”

“Vendo que o tempo pasa e nos atopamos con un silencio total por parte do Goberno galego, decidimos enviar hoxe unha comunicación oficial ó SERGAS expoñéndolle a situación e requiríndolle o ingreso, posto que estamos tremendamente preocupados polo retraso no pago e porque a Deputación necesita este diñeiro para continuar facendo investimentos na provincia de Lugo”, argumentou a Deputada, quen subliñou que “son cartos que a Xunta lle adebeda a tódolos lucenses, que o resto de Galicia lle adebeda á provincia de Lugo. Non podemos consentir por máis tempo escusas del mal pagador”.

Este goberno provincial “xa desbloqueou a transferencia ó SERGAS dos hospitais de San José e San Rafael, deixando de ser a única Deputación de España que tiña competencias sanitarias, e agora o único que intentamos é que a Xunta cumpra co seu compromiso, recollido no convenio que eles mesmos negociaron e firmaron o pasado ano, pagándonos de xeito inmediato a anualidade correspondente a este 2012, e as 4 máis que quedan ata o 2016, para poñerlle fin á débeda que teñen pendente coa Deputación”, recalcou a Deputada.

18,1 millóns ata 2016

Segundo recolle o convenio de colaboración asinado por Deputación e Xunta o ano pasado, a débeda contraída polo organismo autonómico co provincial pola xestión dos hospitais de San José e San Rafael quedaría liquidada en 2016 co ingreso das seguintes anualidades: 2,5 millóns de euros en 2011 (xa ingresados); 2,5 millóns, máis a liquidación definitiva (646.809,23 euros) en 2012; 3.756.933,71 euros en 2013, 2014 e 2015; e 3.756.933,73 euros en 2016. Deste xeito, como a Xunta só ingresou a anualidade correspondente a 2011, ten pendente de pago un total de 18.174.784,09 euros ata 2016.