A Deputación fixa servizos mínimos do 4,8% do persoal para a folga xeral de mañá
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputación fixou uns servizos mínimos do 4,8% do persoal para folga xeral de mañá en contra a explotación e o empobrecemento das políticas do Goberno Central do Partido Popular. Esta porcentaxe resposta ós criterios acordados pola institución noutras convocatorias cos todos os representantes das organizacións Sindicais (UXT, CC.OO, CIG e CIS-F), Xunta de Persoal e Comité de Empresa.
Isto supón, que 25 traballadores asumirán este xoves as prestacións esenciais do Boletín Oficial da Provincia, Informática, Comunicación, Parque Móbil, Secretaría Xeral e Servizos Centrais, Asistencia e Asesoramento Xurídico e Técnico ós Concellos, Recursos Humanos, Unidade de Vixilancia e Portería, Vías e Obras, Intervención, Tesourería, Xestión Tributaria e Recadación, Cultura e Deportes, Benestar Social, Rede Museística Provincial, INLUDES, Centro de Artesanía e Deseño e Granxa Gayoso Castro.
Polo que se refire ó Goberno Provincial, todos os Deputados do PSdeG e BNG secundarán a folga, permanecendo á fronte do Executivo o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, como principal responsable da institución. Gómez Besteiro asegura que dende hai anos aplicamos unha política de choque contra os recortes porque a austeridade empobrecedora lévanos á pobreza. Polo tanto, o que toca é replantear a austeridade, que simplemente nos leva a unha política de recortes que, como opción política e económica, non nos vai conducir a nada bo.
Postura dos sindicatos
Os sindicatos da institución luguesa xustifican o apoio a esta convocatoria, afirmando que o Goberno español do PP decidiu arrastrar os nosos dereitos, destruír millóns de empregos, causar pobreza, marxinalidade, deixarnos sen futuro. Todo para alimentar unha grande estafa. Temos que pagar nós a enorme fraude fiscal das grandes empresas, a débeda dos bancos privados e as retribucións multimillonarias dos seus executivos. Nun ano de goberno e 6 meses da reforma laboral que dicían que era para crear emprego, o Partido Popular sumou un millón de parados, facendo o que dixo que non faría e mentindo sen reparos. Subiu o IVE e o IRPF, reduciu as prestacións de desempregados, a asistencial para maiores de 52 anos, as indemnización do FOGASA, as prestacións sanitarias, a calidade de ensino e subiu as taxas universitarias, xunto á perda de salario e dereitos dos empregados públicos. Pero o ataque máis brutal contra os nosos dereitos está a ser a reforma laboral, contestada nunha primeira folga xeral no mes de marzo. Dixémolo entón e lembrámolo agora: o Partido Popular está a destruír todo. Por esta razón: paremos con este saqueo.