Deputación de Lugo

A Deputación denuncia que os pensionistas lucense perden máis de 40 millóns de euros coas políticas do PP

Martínez explicou que en 2012 as pensións incrementáronse nun 1% e o IPC acabou nun 2,9%. Polo tanto, deixouse sen compensar un 1,9%, facendo que os xubilados perdesen os primeiros 20 millóns En 2013, a pensión media en Lugo aumentará nun 2% cando debería facelo nun 3,9%, supoñendo que os maiores perdan outros 20 millóns o vindeiro anoÁ perda de poder adquisitivo dos xubilados coa “redución encuberta das súas pensións”, engádese o pago de 12 millóns ó ano polas súas menciñas e o “desmantelamento da Lei de Dependencia”A Xunta de Goberno aproba a contratación dun plan de deseño para habilitar mecanismos que permitan realizar trámites coa Deputación mediante dispositivos móbiles e o programa Educ@tic

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, denunciou hoxe que “os pensionistas lucenses, que representan 1/3 da poboación da provincia, perden máis de 40 millóns de euros coas mentiras e políticas de regresión social do Partido Popular”. Martínez explicou a procedencia desta cantidade con datos obxectivos, apuntando:

A pensión media en Lugo son 622 euros. É dicir, con Ourense (610 euros de media), é a máis baixa en Galicia, Comunidade que, a maiores, conta coas pensións máis baixas en España (700,9 euros de media). Neste ano, o IPC acabou nun 2,9%. Nembargantes, as pensións só se incrementaron nun 1%. Polo tanto, durante 2012 deixouse sen compensar un 1,9%. Isto supón, que os 120.000 xubilados lucenses deixaron de cobrar este ano 20 millóns de euros. (1,9%=11,82 euros x 14 pagas=165,48 euros x 120.000 pensionistas =19.857.600 euros). Durante 2012, a paga media dos pensionistas lucenses foi de 622 euros cando esta debería ser de 633,82 euros.

A imposición do Goberno Central de non compensar este 1,9% tampouco nas pensións do vindeiro ano, e de incrementalas só nun 2% (para os que reciben menos de 1.000 euros) supón que os pensionistas lucenses perderán en 2013 outros 20 millóns de euros. (622x2/100=12,44, facendo que a pensión media en 2013 sexa de 634,44 euros. Nembargantes, esta debería calcularse deste xeito: 622x3,9/100=24,25, resultando 646,25 euros. Polo tanto, 646,26-634,44=11,82 euros, que non reciben ó mes os xubilados. 11,82 x 14 pagas x 120.000 pensionistas=19.857.600 euros, que perden os pensionistas lucense en 2013).

O voceiro provincial socialista subliñou que a estes 40 millóns de euros que perden os xubilados de Lugo coa “redución encuberta das súas pensións”, hai que engadir o pago que, “por primeira vez na historia da democracia”, realizan polas súas menciñas, supoñendo un gasto de case 12 millóns de euros ó ano (un mínimo de 8 euros ó mes x 12 meses x 120.000 pensionistas=11.520.000 euros anuais, que pagan os xubilados da provincia co medicamentazo). “E a isto hai que engadir o desmantelamento da Lei de Dependencia. Así defende o Partido Popular ós xubilados, sobre os que, durante épocas electorais, di son sagrados, pero á vista está que lle mente. Mentres hoxe, moitas familias, debido á crise, vense na obriga de vivir das pensións dos seus maiores”.

Trámites cos dispositivos móbiles

A Deputación posibilitará trámites coa administración mediante dispositivos móbiles con fondos da Unión Europea. A Xunta de Goberno aprobou a contratación dun plan de deseño para implantar os aplicativos tecnolóxicos necesarios co obxectivo de que os veciños poidan realizar a través dos seus teléfonos ou tablets trámites coa Deputación. Estas actuacións están dotadas de 70.000 euros, cofinanciados en case un 80% por fondos europeos do Plan Avanza. Isto supón, que 56.000 euros son da Unión Europea e a cantidade restante do organismo provincial. As primeiras xestións que se poderán realizar deste xeito serán, polo de agora e ata comprobar o seu funcionamento, pedir o certificado de empadroamento, solicitar cita algún dos departamentos da institución e comunicar incidencias como, por exemplo, problemas coa administración electrónica ou dificultades para circular por algunha estrada provincial. Neste caso, ata se poderían enviar fotos para constatar que existen pólas nalgún vial ou neve, dificultando o tránsito. Martínez subliñou que “estas actuacións son un paso máis na nosa aposta por converter á Deputación de Lugo nunha administración aberta as 24 horas dos 365 días ó ano para atender ós veciños desta provincia; nunha institución que interactúa cos cidadáns para mellorar o seu funcionamento co fin de ofrecer servizos de calidade”.

Educ@tic

Neste senso, os fondos europeos tamén permiten ó organismo provincial poñer en marcha nas vindeiras semanas o Educ@tic, unha programación dirixida a nenos e pais, que abordará as vantaxes das novas tecnoloxías e o seu funcionamento, previndo sobre os perigos que existen na Rede. A Xunta de Goberno acordou a contratación desta iniciativa por valor de 29.000 euros, cofinanciados, neste caso, nun 89,9% por fondos europeos do Plan Avanza. É dicir, 26.000 euros achégaos a Unión Europea. Esta programación, que se desenvolverá no In Lugo, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia posto en marcha pola Deputación luguesa, incluirá obradoiros tecnolóxicos e ata xornadas de portas abertas no CIS.