Deputación de Lugo

Besteiro esixe a Feijóo 'respostas inmediatas' que eviten o peche de Alimentos Lácteos e Tablicia, das que dependen 2.000 familias

O Presidente anunciou que o Goberno provincial levará ó pleno deste mes unha moción para instar a Núñez Feijóo a explicar cales son os seus plans para reflotar ambas empresasAsegurou que o fracaso de Alimentos Lácteos “é responsabilidade do Goberno de Feijóo, aquí non pode botarlle a culpa ós anteriores porque, podendo aproveitar o impulso de sumar a moitas cooperativas, optou por un proxecto que estaba chamado a non ter futuro”“Estou a favor de que Feijóo busque novas expectativas de negocio fóra do noso país, ata na Conchinchina, pero non pode ser que, mentres o busque fóra, perdamos o de dentro. En Lugo está pasando algo que parece que non preocupa”, advertiu Gómez Besteiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu este venres ó titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “respostas claras e inmediatas” que eviten o peche e desmantelamento de Alimentos Lácteos e Tablicia, empresas das que dependen 2.000 familias lucenses. A crítica situación destas firmas “preocúpanos moito”, polo que, segundo avanzou Gómez Besteiro, o Goberno provincial levará ó Pleno deste mes, o 27 de novembro, unha moción na que insta a Feijóo a explicar cales son os seus plans para reflotar estas firmas.

No caso de Tablicia, o Presidente reclamou “unha forte implicación da Xunta” ante a importancia da decisión dos traballadores de manter e reflotar a empresa poñendo en marcha unha cooperativa, algo “infrecuente fronte ó que estamos a ver nestes tempos, nos que, se as empresas se extinguen, os traballadores vanse á rúa e o que lles queda é buscar outro traballo. Estes empregados queren facerse cargo da empresa, reflotala e poñela en valor, e cren ademais que ten futuro, polo que todos os debemos apoiar”. Gómez Besteiro lembrou que da actividade de Tablicia dependen mil familias, entre os empregos directos, os indirectos, e aqueles profesionais que facilitan a materia prima á planta da fábrica en Nadela.

“Xa o víamos vir”

Con respecto a Alimentos Lácteos, “podemos dicir aquelo de que xa o víamos vir”, indicou o Presidente, quen, neste senso, lembrou que en 2010 a Deputación tomou un posicionamento político, sen o apoio do PP, apostando “por aquel gran proxecto” para reactivar a planta de Pascual en Outeiro de Rei, unha iniciativa “que reunía a 24 cooperativas en torno a unha fábrica que podía producir 500 millóns de litros de leite ó ano, dándolle polo tanto á máxima utilidade ás instalacións e xuntándose ademais a gran masa cooperativa de Galicia. A Xunta optou por outro proxecto, que non chegaba nin con moito á capacidade media da fábrica, e agora estamos vendo que corre o risco de desaparecer”. Como no caso de Tablicia, Besteiro subliñou que da sociedade Alimentos Lácteos dependen un milleiro de familias da provincia.

O fracaso desta iniciativa empresarial é, por tanto, “responsabilidade do Goberno de Feijóo”, asegurou o mandatario provincial: “aquí xa non hai culpas que botarlle ós anteriores; esta foi unha decisión que tomou hai tres anos este Executivo galego. Podendo aproveitar o impulso de sumar a moitas cooperativas, a Xunta de Feijóo optou por moi poucas cooperativas e por un proxecto que estaba chamado a non ter futuro”. “Que pode pensar a xente cando algúns dos socios cooperativistas non entregan o leite ó seu proxecto?, pois que vai mal”, engadiu.

Por outra banda, mostrouse a favor de que o Presidente autonómico “busque novas expectativas de negocio fóra desta comunidade, deste país, onde sexa, ata na Conchinchina, pero o que non pode ser é que, mentres o busque fóra, perdamos o de dentro. Non podemos mirar para outro lado cando están pasando estas cousas no noso propio país, na nosa provincia. Hai que botarlle unha man, as dúas, ou as cinco, ó naval e á Citröen, pero en Lugo está pasando algo que parece como se non preocupara. Temos que poñer todos remedio, como no caso de Alcoa, temos que axudar todos”.

Gómez Besteiro insistiu en avogar pola unidade política e institucional para solucionar os problemas da economía lucense, “pero con cabeza, porque para Alimentos Lácteos púxose diñeiro público, de maneira directa ou indirecta, e cando eu plantexaba o proxecto do centro de recría, resulta que non interesaba”.

“Confianza total na inocencia” de Orozco

Por outra banda, Gómez Besteiro mostrou o a súa “confianza total” no Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, ante a súa citación xudicial pola Operación Pokemon. “Tiven a honra e o pracer de traballar con el durante 8 anos, e sei do seu sacrificio persoal e político por esta cidade. Téñoo dito moitas veces, Orozco probablemente puido ser o que quixera neste partido, pero só lle interesou Lugo. Ademais hai precedentes, foi imputado e desimputado, polo que a miña confianza é total na súa inocencia”, afirmou. “A presunción de inocencia é algo que nos debe amparar, como recolle a Constitución. Isto é algo sobre o que debemos reflexionar todos: se queremos darlle valor a un dereito constitucional ou se queremos movelo en función das circunstancias”, engadiu.