Deputación de Lugo

A Deputación estrea un novo modelo de contratación cun aforro inicial dun 30% para os Concellos

É o 1º acordo marco que adxudica a 6 empresas a subministración de material enerxético ós 38 municipios que se sumaron ó Club dos Concellos Renovables para reducir as súas facturas de luz e gasO aforro ós Concellos será maior porque unha vez determinada a cantidade exacta de equipamento necesario, previsiblemente maior da estimada, os prezos reduciranse de novo. Ademais, esta contratación xa inclúe os custes de instalación A Deputación concederá en 2013 outras 50 bolsas de emprego para que máis mozos lucenses titulados e desempregados traballen en empresas de Europa. Isto supón que, en pouco máis dun ano, a institución provincial ofreza 200 becas para combater o paro xuvenil

A Deputación de Lugo estrea un novo modelo de contratación nesta provincia para aforrar cartos os Concellos lugueses. A Xunta de Goberno provincial aprobou o 1º acordo marco da institución luguesa mediante o cal se contratou os servizos de 6 empresas para que subministren material enerxético a 38 municipios lugueses que, de xeito voluntario, se sumaron ó proxecto do organismo provincial, denominado Club dos Concellos Renovables, que busca reducir as facturas de luz e gas dos municipios, de xeito totalmente gratuíto para estas entidades locais. Esta adxudicación está dotada de 1.100.000 euros, dos cales 880.000 euros son fondos europeos que acadou a Deputación, e supón un aforro inicial para os municipios dun 30%. Esta porcentaxe representa o aforro medio que acadou a institución luguesa co axuste dos prezos do equipamento enerxético, por exemplo válvulas termostáticas, lámpadas LED ou detectores de presenza, que as empresas adxudicatarias proporcionarán ó preto de corenta entidades locais adheridas á iniciativa da Deputación.

Este 30% é o primeiro aforro que supón concentrar a contratación deste servizo para varios Concellos a través dunha soa administración. Hai que ter en conta que a compra deste material de xeito individual suporía un notable incremento de custes. Trátase do aforro inicial deste acordo posto que unha vez determinada a cantidade exacta de equipamento enerxético necesarios para estes 38 Concellos, previsiblemente maior que a estimada nun inicio, os prezos reduciranse de novo. Ademais, esta contratación tamén inclúe a instalación do material, supoñendo que o aforre de gastos para as arcas locais será moito maior.

Central de Compras

Con estas actuacións, a Deputación de Lugo leva a cabo o 1º acordo marco na provincia como fórmula de continuar na racionalización e optimización do gasto público en subministracións, servizos ou obras na provincia, tal e como se comprometeu a facer o Presidente desta institución, José Ramón Gómez Besteiro. O obxectivo do organismo lugués é poñer en marcha en 2013 unha 1ª Central de Compras en Lugo, na que xa está a traballar, para realizar dende a institución provincial máis adxudicacións conxuntas dos servizos municipais que demanden os Concellos da provincia, aforrándolles cartos.

Club dos Concellos Renovables

O organismo provincial ofreceu a todos os municipios de Lugo realizarlles auditorías enerxéticas a custe cero para reducir os seus gastos. Segundo os prezos do mercado, unha auditoría enerxética custa ó redor de 10.000 euros, cartos que a Deputación aforra ós Concellos adheridos ós proxectos. Tamén cómpre destacar que só a factura de luz nunha entidade local con 5.000 habitantes supera os 200.000 euros ó ano. Tras esta proposta, 38 municipios decidiron sumarse a esta iniciativa, integrando o Club dos Concellos Renovables.
Na actualidade, a institución luguesa, concretamente os técnicos provinciais da Axencia Provincial da Enerxía posta en marcha con fondos europeos que captou a Deputación de Lugo, está a avaliar gratis o alumeado público, así como as instalacións de luz e gas de inmobles como Consistorios, pavillóns deportivos ou Casas de Cultura dos municipios. En base ós resultados destes traballos e tamén de balde, o organismo provincial cambiará o material enerxético necesario para reducir as facturas das entidades locais.

O Club dos Concellos Renovables está integrado por: O Incio, Pol, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Láncara, Abadín, Meira, Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Portomarín, Navia, Trabada, Cervantes, Samos, Monterroso, Guntín, Ribadeo, Palas de Rei, Barreiros, Sarria, O Valadouro, Rábade, Baralla, Friol, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Viveiro, O Vicedo, Guitiriz, Xove, Monforte, Sober, Ribas do Sil, Quiroga, Mondoñedo e Castroverde.

Novas bolsas de emprego

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que a Deputación ofrecerá en 2013 outras 50 bolsas de emprego en Europa para mozos lucenses en paro. E é que a Unión Europea vén de aprobarlle á Deputación un novo un novo programa de becas Leonardo da Vinci para que medio cento de titulados lucenses desempregados traballen en empresas de Alemaña, Australia, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda. Hoxe a Xunta de Goberno aprobou xa a memoria deste proxecto por valor de 230.000 euros, dos cales 153.000 euros son fondos comunitarios, é dicir, preto do 70% deste orzamento achégao a Unión Europea. Con estas novas becas son 200 as que, en pouco máis dun ano, ofrece a Deputación ós mozos lucenses en paro con titulacións relacionadas cos sectores da agricultura, pesca, silvicultura, protección do medioambiente, turismo, informática, ciencias da vida, innovación, deseño, así como con Formación Profesional relacionada co eido audiovisual. Martínez avanzou que “a posta en marcha de iniciativa que combatan o desemprego e o despoboamento demográfico seguirá sendo a folla de ruta desta Deputación o vindeiro ano. Temos que ter en conta que Lugo conta con máis de 2.000 mozos menores de 25 anos sen traballo, que se ven na obriga de abandonar a provincia para atopar emprego”. Neste punto, Martínez lembrou que os 50 beneficiados das becas Leonardo da Vinci que concede a Deputación este ano realizarán os vindeiros martes e xoves a última proba de selección co fin de comezar a traballar en empresas de Europa en xaneiro.

Máis postos de traballo

A Xunta de Goberno tamén aprobou o proceso de contratación do servizo de asesoramento que recibirán os traballadores dos 49 Concellos adheridos, de xeito voluntario, ó Innova-TE. Será formación in situ e gratuíta sobre o funcionamento dos trámites coa administración mediante Internet e das novas páxinas web municipais, que implantou a Deputación co seu programa tecnolóxico. Estas actuacións, que contan cun máximo de 239.000 euros, dos cales o 80% apórtaos a Unión Europea, é dicir, 191.200 euros son fondos comunitarios, suporá a creación de 5 novos postos de traballos, as dos axentes TIC, que ofrecerán este servizo.

Oportunidades económicas nas redes sociais

Co fin de dar conta das vantaxes do Innova-TE a todos os cidadáns –facer 150 trámites administrativos a través de Internet, sen desprazamentos e de xeito máis áxil-, así como das oportunidades económicas de Lug02 –creou ata o momento 420 empregos, ó tempo que mantén outros 3.000- e do Pacto Provincial polo Emprego –formou nas profesións con máis futuro e de xeito gratuíto a 900 persoas con cursos remunerados que inclúen prácticas en empresas-, a sesión tamén acordou o proceso de contratación de novas actuacións, que permitan divulgar as iniciativas que a Deputación desenvolva cos fondos europeos destes programas co fin de garantir o seu acceso. Esta actuación conta cun presuposto máximo de 50.215 euros. Desta cantidade, 40.200 adícaos á Unión Europea porque o 80% son fondos comunitarios.

Castro de Rei

Na sesión tamén se deu conta da cantidade total que o Concello de Castro de Rei deberá devolver a Deputación tras incumprir un convenio para a realización de obras que este municipio non executou, malia que a institución provincial lle anticipara os cartos para levalas a cabo. Precisamente, por este motivo Castro de Rei ten que darlle ó organismo provincial os 500.000 euros que lle ingresou hai meses para a realización destes traballos, así como 20.628 en concepto de xuros de demora. O organismo provincial informará ó Concello deste acordo e dos prazos establecidos para o ingreso destes cartos de xeito voluntario. En caso contrario, a institución luguesa procederá a reclamación deste investimento por outras vías.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Becerreá para a construción neste municipio dun parque ambiental por valor de case 57.000 euros, dos cales 45.600 son fondos da Unión. Ademais, tamén se acordaron as contas xustificativas de 4 obras do Plan de Comunidades Veciñais realizadas nos municipios de Baleira, Vilalba, Becerreá e Foz, por valor de 45.900 euros. Desta cantidade, a Deputación adica 39.200 euros.