Deputación de Lugo

A construción e posta en marcha de residencias con centros de día centran o Orzamento de Suplusa para 2013

O Consello de Administración de Suplusa aprobou o seu presuposto, que ascende ós 21 millóns de euros, dos que 15 millóns de euros son para a rede de centros da terceira idade A Deputación segue á espera de que a Xunta lle conceda as licencias imprescindibles para poder iniciar as obras de 5 residencias con centros de día mentres executa as da FonsagradaA institución provincial enviou ó Goberno galego 3 veces a documentación requirida para executar estas dotacións sociais, nas que investirá máis de 8 millóns de eurosA creación de 100 empregos, 180 prazas residencias e 120 nas instalacións de día será o resultado da posta en marcha dos centros para maiores da Fonsagrada, Monterroso, Pol, Castroverde, Pedrafita, Ribas do Sil e Trabada

O Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) aprobou este luns o seu Orzamento para 2013, que ascende ós 6 millóns de euros, manténdose con respecto ó exercicio anterior. A esta nova cantidade hai que engadir os 15 millóns de euros dos que xa dispón a institución para a construción e posta en marcha de residencias con centros de día na provincia. Polo tanto, con 21 millóns de euros, a rede de centros para maiores centra o Orzamento de Suplusa co fin de ofrecer novos servizos públicos, crear emprego e combater o despoboamento demográfico en Lugo, ante os recortes doutras administracións nesta materia.

Logo de culminar o centro para maiores de Monterroso e arrancar as obras da residencia con centro de día da Fonsagrada –traballos en plena execución-, a institución provincial segue á espera de que a Xunta conceda as licencias imprescindibles para poder iniciar tamén os traballos das de Castroverde, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas do Sil e Trabada logo de enviarlle, ata en tres ocasións, a documentación requirida para comezar as obras destas dotacións sociais.

A cronoloxía dos feitos, que fundamentan o freo que a Xunta está a interpor a construción destes centros para a terceira idade na provincia, é a seguinte: a Deputación remitiu ó Executivo autonómico estes proxectos a comezos de 2012 para, tal e como recolle a Lei, a súa aprobación por parte da principal administración galega. A finais de maio, o Goberno de Feijóo denegou estes permisos, alegando que SUPLUSA non podía xestionar estas iniciativas sociais porque non forma parte do Rexistro Oficial de Servizos Sociais. Ante esta situación, o organismo provincial enviou de novo os proxectos, figurando como entidade peticionaria a Deputación –que si figura en dita listaxe- e non a Sociedade Urbanística Provincial. Malia e todo, a construción destas 5 residencias con centros de día voltou a sufrir un novo contratempo porque a Xunta tampouco nesta ocasión outorgou as licencias, senón que obrigou á institución provincial a facer modificación técnicas. Feitos os cambios, a institución luguesa remitiu, por 3ª vez, os proxectos, que levan semanas en mans da Xunta.

Prazas e postos de emprego

Os centros para maiores da Fonsagrada, Monterroso, Castroverde, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas do Sil e Trabada ofrecerán 180 prazas residencias e unhas 123 nas instalacións de día. Tendo en conta o déficit deste servizo social na Montaña luguesa e a tendencia de que os maiores prefiran ser atendidos durante o día e durmir nas súa casas, a Fonsagrada contará con 24 prazas residencias e 48 nas do centro de día. As restantes dotacións terán, cada unha, 26 prazas residencias e 15 nas instalación de día –a excepción de Monterroso, que non inclúe centro de día porque este municipio xa ten un á carón, precisamente, da nova residencia-. A posta en marcha destes centros para a terceira idade suporá a creación duns 100 postos de traballo na provincia xa que, segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como médicos, ATS. A maiores, tamén se necesitarán administrativos, persoal de cociña, limpeza...

Máis de 8 millóns só na construción

A Deputación inviste só na construción dos centros para maiores da Fonsagrada, Castroverde, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas do Sil e Trabada 8 millóns de euros, cantidade á que se engaden os 200.000 que achegou para culminar as obras das de Monterroso, así como para adquirir o equipamento necesario para esta dotación. O organismo provincial terá que achegar aínda máis presuposto, procedentes dos 15 millóns de euros que conta para a rede de residencias na provincia, co fin de poñer en marcha estas instalacións porque a Xunta, administración galega con plenas competencias en benestar social, negouse a ofrecer prazas concertadas nestas instalacións. O Goberno galego considera que as residencias e os centros de día en Lugo “non son necesarios, nin unha prioridade”, a pesares de que esta provincia, xunto con Ourense, é a mais envellecida de Galicia e a que menos centros para a terceira idade ten. Segundo o INE, o 40% dos lucenses teñen máis de 60 anos. O Manual de Traballo, Información e Asesoramento en Servizos Sociais (MATIASS) do propio Goberno galego recolle que a provincia luguesa conta con 49 residencias mentres Ourense ten 97, A Coruña 82 e Pontevedra 67. A negativa do Executivo galego obrigou á Deputación a reprogramar a rede de residencias prevista. Por este motivo, xunto á repentina negativa de Alcaldes como o de Guitiriz, o organismo provincial mantén en estudo os proxectos acordados nun principio xa que ten que axustar o presuposto do que dispón -15 millóns de euros- para estas dotacións sociais.

Outras partidas

Os case 6 millóns de euros que se incorporan ó Orzamento de Suplusa este ano, distribúense da seguinte maneira: 720.000 euros son para actuacións de mellora no paseo do Río Rato; 740.000 euros para o mantemento das áreas verdes que xestiona a institución na provincia, e que suman 1.200.000 metros cadrados; outros 600.000 euros para o inicio das obras de transformación do Taller Mayo de Begonte nun centro educativo de Formación Profesional sobre os sectores da canteiría, rehabilitación e construción, así como en locais onde os emprendedores poidan desenvolver a súa actividade. A cantidade restante será, principalmente, para a amortización de préstamos concedidos para a construción dos polígonos de Begonte, Chantada, Castroverde, Paradela, Baleira, Ourol e Friol, que posibilitaron o asentamento dunha corentena de empresas.