Deputación de Lugo

A Deputación clausura o I Pacto Provincial polo Emprego cunhas xornadas cos mellores especialistas na busca de traballo

Imaxe deputación de lugo
O Salón de Actos da Deputación acolle este xoves a 1ª das catro sesións programadas, na que participará Alfonso Alcántara, o “gurú” que introduciu o “coaching” en España, así coma especialistas en empregos verdes e os responsables técnicos da xestión de fondos comunitarios en España O vindeiro luns terá lugar unha nova xornada na Deputación, coincidindo coa entrega dos diplomas ós participantes deste 1º programa provincial de emprego. As xornadas continuarán o martes en Monforte de Lemos e o mércores en ViveiroA participación é totalmente gratuíta e aberta a todos os interesados. Para participar, só é necesario inscribirse na páxina web www.deputacionlugo.org

A Deputación ten programada para este xoves unha interesante xornada coa que pon punto e final ó I Pacto Provincial polo Emprego, programa impulsado para fomentar a inserción laboral dos desempregados da provincia, e que puxo a disposición destes formación teórica e práctica nos xacementos de emprego da provincia. Dito programa contou co 80% de finanzamento de fondos procedentes da Unión Europea.

A xeito de clausura deste programa provincial de emprego, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá este xoves tres ponencias, que se celebrarán a partires das 10:00 horas, e nas que reputados profesionais exporán os seus coñecementos enfocados á busca de traballo. Un destes profesionais será o destacado experto Alfonso Alcántara, considerado un auténtico gurú do chamado “coaching” -disciplina nacida co obxectivo de incrementar o rendemento en diferentes ámbitos, tantos profesionais coma persoais-, en España, quen, de feito, está considerado o introdutor desta disciplina no noso país.

Especialista en “coaching 2.0” de profesionais, emprendedores e organizacións, experto en marca persoal e reputación dixital; desenvolvemento profesional, recursos humanos, networking e marketing de contidos, Alcántara abordará interesantes temas coma as diferentes técnicas de motivación de cara á busca de emprego ou as numerosas e variadas oportunidades de traballo e negocio que ofrecen Internet a as redes sociais.

Ademais deste experto, tamén participan na xornada outros profesionais do ámbito das políticas de emprego e da busca de traballo. Especialistas nos chamados “empregos verdes” e os responsables técnicos da xestión de fondos comunitarios en España compartirán cos asistentes os seus coñecementos acerca de interesantes temas coma as axudas europeas do Fondo Social ou sobre as oportunidades laborais que ofrecen os chamados “nichos de emprego”- os empregos verdes, neste caso-.

A programación coa que se pecha definitivamente o I Pacto Provincial polo Emprego, completarase a semana que vén con outras tres xornadas, previstas para o luns, o martes e o mércores. A primeira delas terá novamente coma escenario o Salón de Actos da Deputación, coincidindo co acto de entrega de diplomas acreditativos ós participantes nesta primeira edición do Pacto, e xa o martes e o mércores, será nas localidades de Monforte de Lemos e Viveiro, respectivamente, as que acollerán outras interesantes ponencias e a correspondente entrega de diplomas ós participantes no Pacto.

Como inscribirse

Todos os interesados en asistir a estas xornadas, tan só deberán cumprimentar o formulario que poderán atopar na web www.deputacionlugo.org. Esta programación está dirixida a Axentes de Desenvolvemento Local, técnicos de emprego, participantes do Pacto Provincial polo Emprego, desempregados e público en xeral. A participación é totalmente gratuíta.