Deputación de Lugo

A Deputación mellorará co POS as comunicacións coa A-8 dende A Terra Cha malia os recortes do Goberno Central

A institución acondicionará a LU-0102 de Fontevella ó Carrizal, asumindo con 943.389 euros os custes destes traballos ó incluílos nas obras de responsabilidade provincial do POS para 2012O Presidente avanza que mañá é o último día para que os Concellos propoñan as obras municipais do POS, financiadas este ano ó 50% por ditas entidades locais e o organismo provincialBesteiro critica que o PP suprimise, “por 1º vez na democracia”, a achega estatal a esta iniciativa cando “en moitas casos son as únicas melloras que se executan nos Concellos ó longo do ano”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, anunciou hoxe que a institución provincial executará obras na LU-0102 de Fontevella ó Carrizal, “mellorando as conexións dende a Terra Cha coa A-8”, mediante o Plan de Obras e Servizos 2012. Trátase do proxecto que tentou eliminar o Goberno Central, “suprimindo a cero a achega estatal a esta iniciativa por primeira vez na historia da democracia”, subliñou Gómez Besteiro, pero que mantivo a Deputación na provincia, tendo en conta o rexeitamento de todos os municipios lugueses á decisión do Executivo de Rajoy, así como a necesidade de executar o POS para reforzar as prestacións e combater o paro, ademais do despoboamento demográfico, no rural lugués. Para elo, o organismo provincial tivo que incrementar o seu investimento a este proxecto en 400.000 euros con respecto ó ano pasado, acadando os 2,1 millóns de euros.

O titular provincial denunciou, ademais, que o Partido Popular se “mantivese aparte dun proxecto vertebrador que, en moito casos, se converte na única obra ou servizo que se executa ó longo do ano nos Concellos”. Por este motivo, o Presidente anunciou que a Deputación manterá tamén en 2013 o POS, adiantando que o Orzamento da institución para o vindeiro ano e que aprobará mañá mesmo o Pleno xa contempla a partida corresponde para esta iniciativa. Pola súa banda, Primitivo Iglesias subliñou que “neste tempo de crise, no que estamos a sufrir recortes por todos os lados, é fundamental para os municipios que a Deputación manteña o POS, algo do que deberían aprender outras administracións como a Xunta porque potenciar este tipo de actuacións e o único xeito de dinamizar a economía, crear emprego e combater a lacra demográfica que padecemos no rural”.

Satisfeita unha “histórica demanda” con 1,1 millóns de euros

As obras na LU-0102 son uns traballos moi demandados polos veciños dende hai anos, ó tratarse dun vial moi transitado por ser o principal nexo de unión entre A Pastoriza e Moncelos. O anterior Goberno provincial do Partido Popular prometera melloras en dita estrada, enmarcándoas no coñecido como o Plan dos 50 millóns de euros, que o PP nunca executou porque non contaba nin cos terreos nin co presuposto necesario. En contraposición, e ante esta “histórica demanda”, o actual Executivo lugués xa expropiou os 43.930 metros cadrados imprescindibles para a realización destas obras, achegando para elo 183.229 euros. Agora, xa ten a súa plena disposición outros 943.389 euros necesarios para executar melloras dende o punto quilométrico 4,058 ó 8,058. Isto supón, que o presuposto total que inviste a Deputación en dita estrada é de case 1.130.000 euros.

Gómez Besteiro asegurou que unha vez aprobada a totalidade dos traballos que se incluirán no POS 2012 e, posteriormente, culminado o proceso de contratación destas obras, a institución provincial iniciará as seguintes actuacións en dito treito da LU-0102: mellora do trazado con aglomerado en quente; incremento do ancho da calzada, pasando dos 4 metros ós 8 metros; sinalización vertical e horizontal; e localización de ollos de gatos.

Propostas ata mañá

A Deputación asume o 100% dos custes de ditos traballos (943.389 euros) logo de enmarcalos nos proxectos de responsabilidade provincial do POS 2012, para os que o organismo provincial conta cun presuposto total de 1.150.700 euros. A institución luguesa inviste, a maiores, outros 949.300 euros para obras de competencia municipal. Por exemplo, melloras de accesos a pequenas localidades, pavimentacións de rúas, abastecementos de auga ou acondicionamento da rede de sumidoiros, de instalacións culturais, centros sociais ou alumeados públicos. Por este motivo, dende comezos de novembro e ata mañá, os Concellos poden presentar na institución luguesa as súas propostas de actuación, cuxo orzamento financiará ó 50% Deputación e entidades locais.

Os criterios aplicados para o reparto dos fondos entre os municipios son os mesmos que se veñen empregando desde 2008, de maneira que todos os Concellos reciban un mínimo de 10.000 euros. Para fixar esta cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal. Con estes baremos técnicos garántese unha distribución “obxectiva e equitativa” entre os 67 municipios da provincia, con independencia de cores políticas, subliñou Besteiro.