Deputación de Lugo

A Deputación acolle a presentación do proxecto arqueolóxico Hattum Vilcabamba, dirixido polo lucense Santiago del Valle

Imaxe deputación de lugo
O xornalista e investigador Santiago del Valle presenta os resultados de trece anos de investigacións e exploracións, cos que logrou sacar á luz o conxunto de Vilcabamba, considerado o achádego arqueolóxico máis importante do século XXHattum Vilcabamba é a capital do derradeiro reino inca e o seu descubrimento a mans deste lucense recibiu o Premio da Sociedade Geográfica Española no 2008, ademais de ser declarado Patrimonio Nacional polo Instituto Nacional de Cultura de Perú

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolle este venres a presentación dos resultados das exploracións e investigación arqueolóxica de Santiago del Valle Chousa, “Hattum Vilcabamba”, proxecto que puxo en marcha hai trece anos este xornalista e investigador lucense, coa intención de sacar á luz o emplazamento de Vilcabamba, partindo dos escritos do cronista do século XVI Juan Díez de Betanzos.

Hattum Vilcabamba é o nome en quéchua de “Vilcabamba la Grande”, a histórica e misteriosa capital perdida do derradeiro reino inca, que foi gobernada por catro incas ata que no 1572 as tropas españolas conseguiron conquistar a capital e o último Inca, Tupac Amaru, foi exectuado.

No ano 1997, Santiago del Valle comezou un proxecto en colaboración coa historiadora María del Carmen Martín Rubio, descubridora dun exemplar completo das crónicas de Juan Díez de Betanzos, nas que revela numerosos e novos datos sobre a historia e a cultura inca. Ambos conseguiron reconstruir a ruta seguida polo exército español no seu ataque final a esta capital, grazas ós datos que esta obra aportaba e levando a cabo unha inxente labor de rastreo e contraste de documentos e crónicas dos séculos XVI e XVII.

Primeiras excavacións arqueolóxicas

Foi en 2005 e 2006 cando puxeron en marcha diferentes excavacións que deron coma resultado o descubrimento dos primeiros restos da capital perdida –vivendas, tumbas, parte das fortalezas que protexían á cidade e outras edificacións-, ocultas baixo una densa capa de vexetación, a 80 quilómetros ó oeste do Machu Pichu.

Ante o éxito deste primeiro achádego, o patrocinio da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo en colaboración co Instituto Nacional de Cultura de Perú (INC), permitiron ó equipo de Santiago del Valle excavar un conxunto arqueolóxico formado por preto de 400 vivendas, aínda cos restos de incendio que Tupac Amaru, derradeiro rei inca, provocou antes de abandonar a cidade.

A relevancia do impresionante conxunto arqueolóxico descuberto por este lucense fíxoo merecedor do Premio da Sociedade Geográfica Española no 2008 e que o seu descubrimento fóra declarado pola Dirección Nacional do INC como Patrimonio Nacional.

Santiago del Valle, director do proxecto

A alma máter deste inxente proxecto é o director do mesmo, Santiago del Valle Chousa. Doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Madrid e licenciado en Historia e Diplomado en Ciencias Sociais pola Universidade de Santiago de Compostela, foi membro do Comité Executivo da Federación Internacional de Xornalistas e corresponsal da Axencia Efe, de Cambio 16 e de Televisión Española. Actualmente, traballa na TVG.

Para todos os lucenses que queiran asistir á presentación deste impresionante traballo arqueolóxico, a entrada é totalmente libre, ata cubrir o aforo.