Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolleu o primeiro Concerto de fin de ano organizado pola Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
O público presente na Capela puido seguir un amplo recital ofrecido por “Il Combattimento”, no que se interpretaron composicións de música instrumental e vocal, sacra e de trobador, do Baixo Medievo a finais do Barroco, con algún dos instrumentos da Colección permanente de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Deputado provincial Álvaro Santos, foron algúns dos asistentes ó 1º Concerto de fin de ano que organizou a Deputación de Lugo, a modo de peche da programación cultural do Centro de Artesanía e Deseño do 2012, e que hoxe ofreceu na Capela de Santa María o conxunto multiinstrumental “Il Combattimento”.

Estes músicos profesionais interpretaron dez pezas correspondentes a diferentes épocas -comprendidas entre o Baixo Medievo e finais do Barroco-, e diferentes estilos –música instrumental e vocal, sacra e de trobador-, no que foi unha ocasión extraordinaria para poder escoitar en vivo valiosos instrumentos musicais, descoñecidos para o gran público, nun escenario tan propio coma o da Capela, que ofrece unha sonoridade perfecta para estes, segundo destacaron os propios músicos. Algúns destes instrumentos, como a cítola de 4 cordas ou a viola d’abraccio, forman parte da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do CENTRAD, que pode ser visitada gratuítamente durante todo o ano

Algunha das pezas do variado repertorio instrumental e vocal foron composicións anónimas dos séculos X ó XIV, coma Kyrie Cunctipotens e Rex Virginum Amator, e outras coma a Chanson de Roland, do compositor francés Guillaume de Machaut ou Kyrie con tropos, do español Juan de Anchieta, interpretadas polos compoñentes de “Il Combattimento”, Abraham Cupeiro, María Ruíz e Diego Segade, acompañados por Vadzim Yukhnevich e Carlos Vázquez.