Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Fundación Puro Cora na creación dun banco de tapóns para axudar a mozos enfermos e dependentes

O programa solidario Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente tivo unha gran acollida na sociedade lucense, pois máis de 2.100 persoas xa se sumaron na rede social Facebook á iniciativa, e xa se leva recollido media tonelada de material O programa é posible grazas á colaboración da Fundación Puro Cora, a Deputación, o Concello de Lugo; o Colexio de Farmacéuticos de Lugo; a Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo; Aspnais; e as empresas Allplas, Prelo, Envialia e ContemarUn comité profesional, formado por unha médica, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, valorará a prioridade dos expedientes médicos recibidos para destinar os fondos que se recaden coa recollida e venda dos tapóns de plástico

A Deputación de Lugo colabora coa Fundación Puro Cora na posta en marcha dun banco de tapóns na provincia, unha iniciativa solidaria que recadará fondos co obxectivo de axudar a nenos e mozos con enfermidades graves e dependentes, ó mesmo tempo que favorecerá o coidado do medio ambiente coa reciclaxe destes materiais. O programa, que se desenvolverá baixo o lema Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, tivo unha grande acollida entre a sociedade lucense, pois en tan só un días xa se sumaron á acción máis de 2.100 persoas na rede social Facebook e xa se levan recollido media tonelada de tapóns de plástico.

Esta iniciativa altruísta, a través da que se formará unha rede de puntos de recollida por toda a provincia, é posible grazas ó impulso da Fundación Puro Cora e á colaboración do organismo provincial, o Concello de Lugo, o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, a Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, Aspnais e as empresas Allplas SL, Prelo, Transportes Urgentes Envialia-Lugo, e Cartones y Plásticos Contemar. Neste proxecto destaca o papel xogado pola lucense Lucía Vázquez, nomeada partícipe honorífica, pois foi quen tivo a idea de poñer esta acción en marcha. Lucía Vázquez foi quen creou unha páxina en Facebook sobre o banco de tapóns e quen se ocupará de seguir difundindo a actividade nas redes sociais, ademais de colaborar na organización e a clasificación do material.

O convenio de colaboración que materializa o banco de tapóns asinarase este mércores pola tarde, ás 17:30 horas, nas instalacións do diario El Progreso. O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará no acto, xunto á Presidenta da Fundación Puro Cora, Blanca García Montenegro; a secretaria do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, Guadalupe Penzol; a presidenta da Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, María Concepción de Martín; a presidenta da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPNAIS), Conchita Teijeiro; e representantes das empresas Allplas, Ángel López Lugilde; Prelo, Manuel López Ferreiro; Envialia, José Ramón Portos; e Contemar, Miguel Abel Real.

Cales son os destinatarios e como se valorarán

Segundo recolle o propio convenio, a iniciativa está destinada a axudar a lucenses de entre 0 e 25 anos de idade, enfermos graves; con necesidade de asistencia mecánica para a súa mobilidade (cadeiras de rodas, prósteses...), ou cirurxías de implantes, ou ben, calquera outra que determine o Consello de Expertos nomeado para valorar os expedientes que se reciban. Este consello, acordado por todas as organizacións implicadas no proxecto, é un comité profesional formado por unha médica, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, que se ocupará de analizar os expedientes médicos que se reciban e valorar a prioridade dos mesmos para destinar os fondos recadados coa recollida e venda dos tapóns de plástico.

A decisión que determine a prioridade da actuación será recollida nunha acta e deberá ser adoptada pola maioría do comité, quen, así mesmo, deberán indicar as razóns da súa decisión, deixándoa reflectida na acta que se entregará á Fundación Puro Cora.

As funcións de cada entidade colaboradora

As responsabilidades de cada unha das partes son as seguintes:

- A Fundación Puro Cora difundirá esta acción nos medios de comunicación do Grupo El Progreso, coordinará as accións particulares de cada unha das partes e publicitará a protección do medio ambiente, e será garante ademais de que o importe íntegro do recaudado con esta acción sexa destinado á persoa ou persoas que determine o Consello de Expertos.
- A Deputación de Lugo pon a disposición desta acción vehículos do Parque Móbil para a recollida de tapóns na provincia.
- O Concello de Lugo cede contedores para esta iniciativa.
- O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Lugo incluirá nos seus despachos de farmacia contedores para que os veciños da provincia poidan depositar neles os tapóns, e transportaranos á cidade de Lugo.
- A Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo pon a disposición desta acción o persoal da súa asociación para a organización de colaboradores.
- ASPNAIS será punto de recollida de tapóns, e os usuarios do centro seleccionaranos para a súa posterior venda.
- Allplas SL cede a súa nave da rúa Benigno Rivera, 64, en Lugo, para o almacenaxe e posterior selección dos tapóns recollidos.
- Prelo ocuparase de imprimir os adhesivos identificativos do proxecto, que se colocarán nos puntos de recollida que se identifiquen por toda a provincia.
- Envialia será a empresa encargada da recollida de tapóns na cidade de Lugo dende os puntos dende os que se lle indique, ben sexan bares, cafeterías, comercios, colexios...
- Contemar comprará os tapóns, xa clasificados e retiraraos da nave de almacenaxe, abonando 260 euros por tonelada.