Deputación de Lugo

O dispositivo de emerxencias activado pola Deputación atendeu máis de medio cento de incidencias en apenas 48 horas

Os 102 traballadores e os 54 vehículos do operativo activado atenderon unha media dunha incidencia á hora en preto de 50 estradas de 29 Concellos da provincia. A estrada LU-P-1301, no Courel, é a única das vías provinciais que permanece pechada polos graves danos estruturais provocados polas intensas choivas caídas As 6 máquinas quitaneves do organismo provincial continúa traballando a estas horas de xeito ininterrompido dende o pasado venres para asegurar a normalidade do tráfico en 20 estradas de 5 Concellos da Montaña

Os efectivos postos en marcha pola Deputación de Lugo o pasado venres tiveron unha intensa fin de semana por mor do temporal que afectou á totalidade da xeografía galega. As intensas choivas caídas, xunto cos fortes ventos, provocaron numerosas incidencias que afectaron á rede viaria provincial, a cal conta con máis de 4.000 quilómetros. O dispositivo posto en marcha o pasado venres amosou a súa efectvividade, acadando unha media dunha incidencia atendida á hora, as cales se localizaron en numerosos puntos da provincia. De feito, o temporal afectou á normalidade do tráfico en máis de 50 vías de 29 Concellos, provocando máis de 50 incidencias en apenas dous días.

En canto á natureza dos incidentes, destacaron especialmente os máis de 20 cortes nas estradas, tanto parciais coma totais, provocados por pola acumulación de auga nas mesmas, seguidos moi de preto polos provocados por desprendimentos de terras, que rondaron a mesma cifra. Foi menor (5) o número de peches temporais de vías por mor de caída de árbores. Ó vento e a chuvia hai que sumar as nevadas caídas nos Concellos da Montaña, que xa durante a fin de semana deron traballo ás máquinas quitaneves da Deputación, que tiveron que acudir a dar resposta inmediata a 10 incidencias puntuais.

Os Concellos especialmente afectados foron os de Ababín, Antas de Ulla, Baleira, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castro de Rei, Cospeito, O Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Mondoñedo, Pedrafita, Pobra de Brollón, Pontenova, Quiroga, Ribadeo, Sober, Trabada, Viveiro, Xermade, Navia de Suarna, Pastoriza, Ourol e O Vicedo.

O intenso traballo levado a cabo polos traballadores do organismo provincial durante toda a fin de semana fixo posible que a circulación quedase restablecida con normalidade, agás na LU-P-1301, no tramo que transcorre polo Concello do Courel, que aínda permanece pechada polo importantes danos estruturais que presenta.

Neve na Montaña lucense

Malia ter pasado as xornadas de máis intensidade do temporal, na Montaña lucense a presenza de neve segue facendo necesario o traballo das 6 máquinas quitaneves do organismo provincial para garantir a seguridade dos usuarios da rede viaria.

Esta mañá os traballos continúan nas seguintes estradas: as LU-P-4501, LU-P-1303, LU-P-1304, LU-P-5601 no Concello do Courel; no Concello de Pedrafita a LU-P-1301 (unicamente no tramo que discorre por este Concello), LU-P-1304, LU-P-3701, LU-P-4501, LU-P-4502, LU-P-4504 e LU-P-4505. No Concello de Cervantes as LU-P-0702, LU-P-1401, LU-P-4504, LU-P-3505, LU-P-1405, LU-P-1404, LU-P-1412. Na Fonsagrada, LU-P-4606, LU-P-1901, LU-1903, LU-P-1906, LU-P-3601 e no Concello de Navia de Suarna as LU-P-3505 e LU-P-1901.

Este operativo forma parte do Plan Invernal 2012-2013 que puxo en marcha a Deputación de Lugo a primeiros de novembro e que permite actuar coa máxima axilidade en casos de temporais ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial. Os traballos para garantir a circulación e a seguridade dos conductores, previsiblemente, continuarán nesta zona, xa que as previsións apuntan a que as precipitacións en forma de neve continuarán nos vindeiros días.