Deputación de Lugo

A Deputación ofreceu preto de 1.000 horas de formación gratuíta a máis de 900 empregados públicos de toda a provincia

A Vicepresidenta Segunda e o Deputado de Goberno Interior entregaron hoxe os diplomas acreditativos a parte dos 920 participantes nas 33 accións formativas do Plan de Formación 201221.300 traballadores públicos de todas as administracións da provincia tiveron á súa disposición a custe cero preto de 1.000 horas de formación presencial, “on line” e mixta

O Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Deputado da Área de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, fixeron entrega, nun acto que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, dos diplomas acreditativos da asistencia e aproveitamento a algúns dos traballadores públicos que participaron nos cursos enmarcados dentro do Plan de Formación para 2012. Estes foron só unha pequena representación dos máis de 900 traballadores que tomaron parte nalgún destes 33 cursos enmarcados nalgún dos diferentes plans executados: o Plan Propio, o Agrupado –froito do acordo co Instituto Nacional de Administracións Públicas-, e o Plan realizado en colaboración coa Fegamp.

Os cursos impartíronse tanto na modalidade presencial (24), coma “on line” (6) e incluso mixta (2) e puxeron máis de un total de 982 horas de formación totalmente gratuíta a disposición dos máis de 21.300 empregados das diferentes administracións da provincia. De feito, houbo participantes procedentes tanto da Deputación coma da totalidade dos 67 Concellos da provincia.

En canto ás materias abordadas, estas abrangueron as novas tecnoloxías e a comunicación; servizo público e atención ó cidadán; economía e xestión orzamentaria; recursos humanos; procedementos administrativo e xurídico –a que acadou un maior número de solicitudes-; urbanismo e medio ambiente ou normativa vial e procedementos de excarceración. Estas últimas estiveron dirixidas ós corpos de policía local e bombeiros da provincia.

Precisamente a formación específica para estes colectivos foi posible grazas á colaboración entre a institución provincial e o Concello de Lugo, que permitiu a realización dos mesmos, tanto da carga teórica coma das prácticas posteriores, nas instalacións da Policía Local, así coma no Parque de Bombeiros da capital lucense.

Máis formación para 2013

A oferta dispoñible para este ano está sendo perfilada actualmente, coa intención de cumprir obxectivos coma o de acadar unha maior especificidade das materias ou acadar un maior axuste tempo/contido, especialmente naquelas materias de carácter máis técnico.