Deputación de Lugo

A Deputación crea emprego no rural ofrecendo formación gratis a 900 lucenses para abrir empresas agrícolas, gandeiras ou forestais

Besteiro presentou o plan de emprego Fórmate en Verde a uns 40 representantes da industria madeireira da Mariña, a comarca na que se impartirán as accións formativas sobre xestión forestal, dado o importante peso específico desta actividade na zona O proxecto conta con un orzamento de 1 millón de euros, financiados ó 80% pola Unión Europea. As actuacións vinculadas á gandería terán lugar en Castro de Rei e as de agricultura, en Monforte“A dramática subida do paro require medidas de calado coma esta”, subliñou o Presidente, quen lamentou que a Xunta teña outras prioridades, pois mentres a Deputación subiu un 63% os fondos para crear emprego neste ano 2013, o Goberno galego recortounos nun 40%Os interesados teñen dende hoxe toda a información sobre o plan na páxina web provincial www.deputacionlugo.org A inscrición abrirase na semana do 25 de febreiro e os cursos comezarán en marzo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes no Concello de Viveiro un encontro con uns 40 representantes da industria da madeira da Mariña para presentarlles o plan Fórmate en Verde, a través do que o organismo provincial creará emprego e fixará poboación no rural, pois dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. A iniciativa conta con 1 millón de euros de orzamento, financiados ó 80% pola Unión Europea.

Coa reunión de hoxe, a Deputación arranca a captación dos beneficiarios do programa de emprego. Para elo, a institución luguesa levará a cabo por toda a provincia accións de difusión en encontros profesionais, feiras e certames sectoriais, ademais de organizar xornadas informativas e obradoiros. Os interesados xa dispoñen tamén dende hoxe de toda a información sobre o programa na web provincial www.deputacionlugo.org A inscrición abrirase a semana do 25 de febreiro e os cursos comezarán en marzo. Tódolos teñen capacidade limitada e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Segundo explicou o Presidente, desta oportunidade de futuro poderán beneficiarse un mínimo de 900 lucenses: desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Por comarcas

O encontro celebrado na Mariña estivo principalmente dirixido a organizacións e particulares vinculados co sector da madeira porque será nesta comarca na que se impartan as accións formativas sobre a xestión forestal, dado o peso específico desta actividade na zona. O Presidente lembrou, neste senso, que Lugo é a provincia de maior importancia forestal en Galicia, ó concentrar o 35% do total da superficie galega de monte arborado (500.000 hectáreas); e dentro da provincia, A Mariña ten un gran peso neste eido, pois ten o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne e leite cos que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

Polo que respecta á agricultura ecolóxica, a formación desenvolverase na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

A Deputación, comprometida co emprego

O Presidente subliñou a urxencia de impulsar iniciativas de calado coma esta, ante a “dramática subida do paro” que se está a producir en Galicia e na provincia: “Só no último ano, o desemprego aumentou na provincia en preto de 2.000 persoas, e hoxe hai 29.295 nas listas do Inem. Na Mariña, o número de parados chega case ás 6.000 persoas, un 8% máis que hai un ano”. Neste senso, Gómez Besteiro salientou que o organismo que preside está comprometido coa creación de emprego, poñendo como exemplos “o Pacto Provincial polo Emprego, co que demos traballo a un milleiro de persoas; ou as 150 becas para xóvenes que levamos posto en marcha”.

Fronte a este compromiso, o mandatario provincial lamentou que a Xunta de Galicia teña outras prioridades, pois mentres a Deputación fixo un gran esforzo aumentando un 63% os fondos para políticas activas de emprego nos Orzamentos deste 2013, a Xunta de Galicia, con 100 veces máis de presuposto, rebáixaos este ano nun 40%.

Un programa con tres eixos

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

- Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e se impartirá entre os meses de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.

O prazo de inscrición nas accións formativas abrirase na semana do 25 de febreiro
As accións formativas comezarán a partir do mes de marzo