Deputación de Lugo

A plataforma de e-comercio da Deputación triplicou nun ano a súa oferta, chegando ós 400 produtos, e estrea a liña de venda en frío

O Presidente subliñou que a posibilidade de comercializar produtos en frío, recén incorporada, dará un novo impulso a esta iniciativa económica, que conta xa con 80 empresas lucenses do sector agroalimentario, hostaleiro, artesán, téxtil e de lecer Madrid, Málaga e A Coruña son os principais destinos dos pedidos que rexistra o portal www.losproductosdelugo.com, único en Galicia, pois ofrece en exclusiva produtos autóctonos e de calidade, e as empresas adheridas non teñen que asumir ningún custe Besteiro animou ás PEMES e autónomos a sumarse a este escaparate internacional, de xeito totalmente gratuíto. A Deputación ofrécelles asesoramento personalizado e continuo, tanto para adherirse como para manterse

A plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com que a Deputación de Lugo puxo en marcha co fin de abrir novos mercados ás PEMES e autónomos da provincia e aumentar deste xeito os seus beneficios triplicou no último ano a súa oferta, e conta xa con 80 empresas adheridas, que comercializan preto de 400 produtos e servizos. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este mércores balance desta iniciativa económica destacando o seu “continuo crecemento”, que, segundo avanzou, recibirá un novo impulso ó incorporarse agora a posibilidade de comercializar produtos en frío. Gómez Besteiro fixo precisamente estas declaracións nunha das empresas lucenses que xa venden produtos en frío no portal de venda on line da Deputación: Queixerías Santo André de Barredo, en Castroverde. Esta nova liña de comercialización permitirá que “máis empresas se beneficien desta oportunidade comercial”, ademais de consolidar a actividade da plataforma de e-comercio.

A Deputación de Lugo creou en 2011 co financiamento da Unión Europea este primeiro centro comercial virtual da provincia co fin de impulsar por medio das novas tecnoloxías o desenvolvemento económico de Lugo. O portal de venda on line forma parte da “aposta decidida” do organismo provincial polas PEMES e autónomos, “a verdadeira columna vertebral da economía lucense, pois ábrelles unha nova canle de venda dos seus produtos e servizos, o que lles axuda a subir o volume de beneficios, ser máis competitivos e manter ou xerar postos de traballo”, destacou o Presidente. Ademais, ofrece por vez primeira unha imaxe de marca dos produtos de Lugo de cara ó exterior, independentemente do provedor que os ofreza.

A plataforma de comercio electrónico da Deputación é a única das súas características na comunidade galega porque ofrece en exclusiva produtos autóctonos e de calidade, e as empresas adheridas non teñen que asumir ningún custe.

Tras case dous anos de funcionamento, www.losproductosdelugo.com conta hoxe con 80 empresas adheridas, dos sectores agroalimentario, hostaleiro, artesán, téxtil e de lecer, entre outros. Os produtos en frío comercializados ata o de agora son queixos, capóns e pasteis.

Madrid, Málaga, a propia provincia de Lugo, A Coruña e Cádiz son os principais destinos dos pedidos rexistrados na web de e-comercio, sendo os embutidos, verduras en conserva e viño os produtos máis vendidos. Ata o de agora, vendéronse a través do portal máis de 2.000 produtos e servizos.

Das máis de 54.000 visitas que recibiu a web, a metade son de Galicia, aínda que destaca o interese que suscita a iniciativa en Madrid, con un 21% das entradas, Cataluña e Valencia. Fóra de España, a páxina rexistra consultas de ata 70 países, con Arxentina á cabeza do ránking, seguido de México ou Colombia.

Como sumarse

O Presidente animou ás PEMES e autónomos da provincia a sumarse a este escaparate internacional, lembrando que a capacidade da plataforma é ilimitada. “Poden sumarse cantas empresas queiran, de forma totalmente gratuíta”, recalcou. Para informarse ou facela solicitude de adhesión poden chamar ós números de teléfono 982-26-00-77/982-26-00-74 ou enviar un correo electrónico a ecomercioinnovate@deputacionlugo.org A Deputación ofrece ás firmas asesoramento personalizado e continuo para adherirse e manterse na plataforma.

Compra sinxela, rápida e segura

Os usuarios poden acceder á plataforma entrando na dirección www.losproductosdelugo.com onde se atopan cun catálogo de produtos de alimentación, artesanía, moda, servizos de lecer, óptica, entre outros. O mecanismo para comprar é rápido e sinxelo: teñen que elixir os produtos desexados, incorporalos á cesta da compra pulsando sobre a imaxe do carriño da compra e tramitar o pedido, elixindo a forma de pago. Todas as transaccións se efectúan mediante unha conexión totalmente segura que garante a privacidade dos datos do comprador. Os usuarios teñen a posibilidade de rexistrarse como clientes, o que lles permitirá facer dun xeito máis sinxelo as futuras compras.

O comprador consulta un único catálogo de produtos, realiza un único pago e recibe unha única entrega dos mesmos, o que constitúe un modelo innovador no mercado on line. Na actualidade só se poden facer envíos nacionais, pero proximamente tamén poderán ser internacionais. O cliente, que non está obrigado a facer un pedido mínimo, recibirá o material adquirido nun mínimo de 48 horas, tendo a posibilidade de coñecer en calquera momento a situación dun pedido en curso ou consultar os realizados anteriormente. No caso de non quedar satisfeito, pode devolver calquera artigo nun prazo de 15 días hábiles dende a data de recepción.

Na plataforma figura completa información sobre os produtos á venda –prezo, características e unha fotografía-, pero tamén das empresas provedoras, pois inclúese unha ficha de cada unha na que figura a súa páxina web, localización en Google Map e oferta de todos os seus produtos. Os prezos dos artigos á venda son iguais ou menores que na rúa e ofrecerase a posibilidade de obter códigos de desconto. As empresas que acadaron a marca Lugo Sabe creada pola Deputación para poñer en valor os produtos autóctonos contan cun acceso directo dentro do portal web. Tamén hai un apartado específico cos produtos máis vendidos e outro de ofertas, xunto a unha sección con noticias sobre a propia plataforma e un blog.

Atención continua a clientes e empresas

A Deputación ofrece un servizo de atención ós clientes da plataforma de comercio electrónico, a través do número de teléfono 982.26.00.77 e a dirección de correo electrónico soporte@losproductosdelugo.com