Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta a respostar ás 4 peticións para que financie en Lugo servizos sociais e emprego como nas outras provincias

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial leva 7 meses solicitando ó Goberno galego que desbloquee esta situación coa sinatura do mesmo convenio que permitiu que os cidadáns da Coruña, Pontevedra e Ourense conten con máis de 13 millóns de euros autonómicos para estas prestacións A institución luguesa demanda ó Goberno galego que dea o mesmo trato ós lugueses, asinando este convenio coa Deputación de Lugo ou dotando á provincia de Hemodinámica as 24 horas, Medicina Nuclear, Radioterapia e Cirurxía PediátricaGómez Besteiro solicitou a Núñez Feijóo un encontro no que abordar asuntos estratéxicos para a provincia en máis dunha decena de ocasións, sen obter resposta algunha dende 2009

A Deputación insta á Xunta a respostar ás 4 peticións que lle fixo para que financie en Lugo os servizos sociais e as políticas activas de emprego, tal e como fai nas restantes provinciais galegas con máis de 13 millóns de euros. O organismo lugués reclama unha vez máis ó Goberno galego asinar o convenio de colaboración nesta materia para unha maior eficiencia na xestión de recursos, que redunde no beneficio de todos os lucenses, como finalidade última e principal de todas as administracións públicas.

Tal e como se pode corroborar na documentación oficial remitida, a Deputación de Lugo leva 7 mes reclamando á Xunta de Galicia que desbloquee este asunto na provincia para non discriminar ós lucenses. A cronoloxía dos feitos non deixa lugar a dúbidas:

- No mes de xullo, a institución luguesa remitiu á Xunta varios informes xurídicos con alegacións ó borrador do convenio de urxente solución para continuar coa tramitación deste texto, apuntaban os técnicos. O Goberno galego nunca respostou á Deputación de Lugo. Sen embargo, tal e como se puido constatar esta mesma semana, a Xunta tivo en conta as apreciacións do organismo lugués á hora de asinar os convenios coas restantes Deputacións, dando a razón, deste xeito, á institución luguesa.

- O 28 de agosto, Gómez Besteiro remitiu unha carta a Núñez Feijóo, solicitándolle resposta ós informes enviados e coñecer a situación administrativa na que se atopaba a Xunta, tendo en conta o adianto dos comicios electorais, co único fin de “desbloquear a situación”.

- Ante a ausencia de resposta, o 14 de decembro, o Presidente provincial enviou unha segunda carta ó seu homólogo galego, remarcando que “pasaron xa seis meses dende que as Deputacións asinamos un protocolo de colaboración coa Xunta e non se produciu resultado concreto como consecuencia do mesmo. Con todo, e porque a nosa máxima é buscar unha maior eficiencia e eficacia da xestión pública para obter, como finalidade última e principal, o beneficio da cidadanía, quero propoñerche que fixemos unha nova reunión que permita avanzar neste tema de gran interese, non só para a Deputación, senón tamén para a Comunidade Autónoma”. Neste escrito, Gómez Besteiro convidaba a Núñez Feijóo, así como ós Presidentes das Deputación de Coruña, Pontevedra e Ourense, a manter un encontro conxunto en Lugo, aproveitando a anunciada visita dos populares á cidade luguesa.

- De novo sen contestación, e tras coñecer que o Goberno galego tampouco vai a dotar á Lugo de servizos de Hemodinámica ás 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, o 11 de xaneiro, o titular provincial púxose en contacto de novo co mandatario autonómico, reiterándolle a súa petición dunha urxente reunión na que poder analizar, conxuntamente, a situación na que se atopan os servizos públicos e sanitarios para o benestar dos lucenses. Tampouco nesta ocasión, a Deputación tivo resposta.

- A última petición tivo lugar aínda a semana pasada, cando o xefe do Gabinete de Presidencia da Deputación se puxo en contacto telefonicamente co xefe do Gabinete de Núñez Feijóo para reiterarlle a necesidade dun encontro entre ambos os dous Presidentes para abordar os asuntos que a Xunta mantén bloqueados na provincia. Na actualidade, a institución luguesa segue sen resposta. De feito, Gómez Besteiro leva reclamando un encontro con Núñez Feijóo no que trata asuntos estratéxicos para a provincia dende que é Presidente da Xunta, é dicir, dende o 2009, chegándolle a enviar máis dunha decena de cartas.

Discrimando ós lucenses

A Deputación non cesa nas súas reclamacións xa que prioriza os intereses dos lucenses fronte ás confrontacións partidistas co obxectivo de garantir o benestar dos cidadáns da provincia. Por este motivo, o organismo provincial insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia asine coa institución luguesa o convenio de servizos sociais e políticas activas de emprego. Isto permitiría que, non só a Deputación financia estas prestacións en Lugo, senón que tamén colaborase o Goberno galego, ó igual que tamén o fai na Coruña, Pontevedra e Ourense, redobrando esforzos en beneficios dos veciños. O organismo lugués entende que, de non asinarse este texto, a Xunta estaría discriminando ós lucenses, establecendo cidadáns de primeira e segunda clase, tal e como supón o feito de que Lugo non conte con Hemodinámica as 24 horas, Medicina Nuclear, Radioterapia e Ciruxía Pediátrica.