Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle hoxe a estrea de Margarida e For Sale, as últimas curtas da produtora lucense CoolFilms

Ó acto asistirán a Deputada e Patroa da Fundación TIC, Regina Polín, o presidente de CoolFilms, Jordi Santos, e o director das cintas, Luis NoriegaAlumnos de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son cubrirán o acto como parte da súa formación práctica

O Pazo de San Marcos acollerá esta tarde, ás 20:00 horas, a estrea de dúas novas curtametraxes da produtora lucense CoolFilms: Margarida e For Sale. O acto contará coa participación da Deputada e Patroa da Fundación TIC, Regina Polín, do presidente e produtor de CoolFilms, Jordi Santos, e do director de ambas cintas, Luis Noriega. CoolFilms presenta deste xeito as súas últimas producións en Lugo antes de percorrer con elas numerosos festivais cinematográficos por toda a xeografía española, eventos nos que xa teñen acadado importantes resultados con anteriores traballos coma Pecados ou Julieta, finalistas do Premio do Público no certame “Por Amor al Arte”, celebrado na Coruña.

A comedia Margarida, de 20 minutos de duración, está ambientada nunha tenda de pinturas pola que van desfilando unha serie de personaxes pintorescos, interpretados por Simón Onteniente, Suso e Beatriz Meilán e Manolo Sicart, entre outros. A curta de suspense For Sale relata a historia dun ex convicto, alcohólico e coa vida esnaquizada, que recibe a visita dunha muller que xogou un importante papel no seu pasado, sendo ela a culpable do seu ingreso en prisión. Nos papeis principais, ademais da participación de actores do grupo de teatro lucense Achádego, figura a actriz Beatriz Serén, coñecida polo seu papel na serie da TVG Matalobos. A rodaxe íntegra das películas tivo lugar en Lugo. En concreto, Margarida ten coma escenario diferentes recunchos do barrio da Milagrosa, e no caso de For Sale, son o clube Clavicembalo e unha funeraria da Pobra de San Xulián.

Prácticas en traballos profesionais

Un grupo de alumnos do ciclo de Produción da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, participan nestes proxectos, formando parte da organización e promoción do acto de estrea. Outros dos seus compañeiros, neste caso do ciclo de Realización, ocuparanse da reportaxe fotográfica do acto. Hai que ter en conta que a máxima prioridade da TIC é que os seus alumnos teñan a posibilidade de facer prácticas reais con profesionais do sector audiovisual para acadar unha experiencia máis ampla mentres completan a súa formación de cara a facilitar a súa inserción laboral. Cómpre lembra que a Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas superiores de formación profesional da familia audiovisual, oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores de Realización e Produción, tendo ademais matrícula gratuíta agás para repetidores.