Deputación de Lugo

A Fundación TIC pon en marcha unha novidosa iniciativa para achegar as novas tecnoloxías ós rapaces da provincia

O proxecto que comeza o vindeiro día 6 permitirá a estudantes da ESO coñecer o traballo dun estudo de televisión e da gravación dun informativo que realizarán, editarán e producirán os alumnos da Escola de Imaxe e SonAs actividades divulgarán o labor que desenvolve a Fundación co obxectivo de promocionar a educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC a través da Escola de Imaxe e Son e o Centro de Produción de Programas

A Fundación TIC porá en marcha o vindeiro día 6 de febreiro un innovador programa de visitas e actividades gratuítas dirixidas ós alumnos que cursan estudos de secundaria en centros educativos de toda a provincia, co que a Fundación pretende achegalos dun xeito lúdico ás novas tecnoloxías. Esta entidade sen ánimo de lucro, que promove a Deputación de Lugo, ten como obxectivo prioritario traballar en prol da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como ofrecer formación nestas tecnoloxías ós lucenses.

Para cumprir este obxectivo de achegar as TIC ós máis novos, a Fundación promovida pola Deputación de Lugo inicia un amplo programa de visitas e actividades, totalmente de balde, que permitirán ós estudantes de ESO coñecer de preto o traballo diario desenvolvido nun estudo de televisión, que abrangue a produción, edición, realización e postprodución de audiovisuais. Ademais de coñecer as instalacións da Escola de Imaxe e Son (EIS) e do Centro de Produción de Programas (CPP), os rapaces participarán activamente na gravación dun espazo informativo que realizarán e editarán os alumnos que cursan estudos da EIS, responsables tamén da produción e elaboración das noticias. Ó remate, os escolares recibirán unha copia do vídeo do programa.

A EIS e o CPP

A Fundación TIC conta coa Escola de Imaxe e Son, o único centro que imparte en Lugo ensinanzas superiores de Produción e de Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. Este centro ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vincular directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Dende a súa apertura, máis de 300 alumnos cursaron nela os seus estudos de Produción e Realización. A EIS ocupa un edificio emblemático da cidade, situado na rúa Frei Plácido Rei Lemos.

A Fundación TIC dispón, igualmente, de aulas e instalacións profesionais nas que os alumnos da Escola de Imaxe e Son reciben formación teórica e práctica. Trátase do Centro de Produción de Programas, no que hai habilitados dous estudos profesionais, nos que os estudantes gravan os seus propios programas de radio e televisión, que logo editan utilizando as últimas tecnoloxías. Grazas á calidade da formación e os medios técnicos dispoñibles, os alumnos acadan un nivel óptimo de coñecementos, acorde ás demandas técnicas do mercado audiovisual actual.

Benestar social a través das TIC

A Fundación TIC asumiu hai dous anos a xestión do primeiro Centro de Innovación Social en Galicia, o In Lugo, co que se pretende xerar proxectos innovadores que favorezan o benestar social e a creación de emprego mediante as novas tecnoloxías. Para elo desenvolve un amplo programa de cursos itinerantes e actividades gratuítas por toda a provincia, ofrecendo formación especializada. A programación actual inclúe actividades dirixidas as persoas maiores, co fin de que exerciten corpo e mente dun xeito ameno, ó tempo que favorece a alfabetización tecnolóxica e o achegamento deste colectivo as TIC e ós servizos que estas ofrecen, como a administración electrónica.

Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia, e mantén convenios de colaboración con máis de 120 entidades sociais, culturais e deportivas, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. A través destas colaboracións, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos na procura da súa futura inserción laboral.